Opinión

Pois non todos somos iguais

No debate iniciado sobre o modelo de financiamento das comunidades autónomas, chama poderosamente a atención o persistente recurso argumental, para aqueles defensores da estrutura unitaria do Estado (ou o que é o mesmo: para quen rexeita a existencia de nacións) consistente en afirmar que o actual é un sistema que garante a "igualdade de todos os españois" e abrir a opción do modelo de concerto para Catalunya, ou para nacións como Galiza, significaría a ruptura desa famosa igualdade entre españois.
Sorprende especialmente que esa tese se defenda con tanto entusiasmo por parte dun señor que, seica, procede dos Peares, núcleo de poboación galego ben singular, ou pouco "igual", como prefiran, en relación con calquera outro espazo do Estado español. Pois aínda así, entende este señor que na actualidade hai igualdade e que corre risco de crebar de se aceitaren as chantaxes nacionalistas.

Porén, e visto o visto, dá a impresión de que moita igualdade, a verdade, non hai. Non todos somos iguais neste Estado, ou polo menos no que a nós nos toca: retroceso demográfico mentres o Estado aumenta poboación, taxa de avellentamento brutal, salarios máis baixos, taxa de emigración xuvenil disparada, transporte público (?)  que fai imposíbel a comunicación interna, pensións máis baixas (por certo, nos Peares precisamente, as máis baixas do Estado), lingua propia vetada en moitos ámbitos e en regresión de usos, combustíbel máis caro que a media, peor calidade de subministración eléctrica (sendo potencia produtora), maior taxa de sinistralidade laboral e máis tempo medio de traballo, ausencia de servizo ferroviario de proximidade, maior sinistralidade viaria, inadaptación de servizos públicos ou privados (ensino, sanidade, banca, transporte) ao xeito singular que temos de habitar o territorio, e un longo etcétera. E todo isto tendo un país rico en recursos e produtividade.

E logo temos, poñamos por caso, Madrid. Cos índices antes sinalados, mais á inversa. O "efecto capital", que diría Pepe Díaz. Cunhas 4.300 empresas radicadas na Galiza e con beneficios obtidos aquí, mais que pagan o imposto de sociedades en Madrid. Ou que en Madrid se recada, de todo o Estado, 42% de todos os impostos directos, 57% de todos os indirectos, e 51% das taxas co actual sistema. Así calquera é igual.

E deixen de asustar á xente co das pensións, dicindo que Galiza é pobre e que por nós mesmas non poderiamos pagar as pensións. Son rendas de traballo, señores. Meu pai tivo pensión (por certo, de miseria) porque cotizou e traballou toda a súa vida, non pola caridade de ningún goberno español. Así que menos esbardallar.

Daquela, moita igualdade non hai. Se cadra, cómpre analizar outras vías alternativas, porque por esta non nos vai ben. Non é cuestión de igualdade, senón dun suculento negocio para algúns a costa de outros coma nós.

PS: E ti, Alfonso Rueda, por se les isto: aprende algo de Xosé Díaz, e comeza a entender que unha cousa é o concerto, e outra o 'cupo'. Espabilado.

Comentarios