Opinión

Vinte anos de lealdade á terra

No transcurso de 2021, foron saíndo do prelo os volumes 20, 21 e 22 da colección 'Cerdedo in the Voyager': O Embigo do Becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V e mais as edicións galegas dos relatos de Santiago Gómez Tato (Obra reunida) e da novela O mestre de Quiroza de Xosé Varela Buela, dous escritores cerdedeses esquecidos. Así mesmo, os libros Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008), O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo (2011) e O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo (2017) acadaron a súa segunda edición. En 2020, inaugurábase a colección Solea Scripsit, coa que Edicións Morgante (o querido e admirado Moisés Barcia) lle buscou acomodo a outras vertentes da miña pulsión investigadora. Xa viron a luz dous volumes: A vaga dos pratiños voantes (2020) e Crónica da Galiza bizarra (2021).   

O ano 2022 virá ateigado de aniversarios. En abril de 2002, publicábase Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral, o título inaugural da 'Cerdedo in the Voyager ', colección que cumprirá vinte anos de existencia con vinte e dous títulos editados. O libro cadrou co meu ingreso na Asociación Verbo Xido, a cuxa folla de ruta me vinculei ao longo dunha década.

O 1 de abril de 2012 botou a andar en Cerdedo o proxecto cultural do Colectivo Capitán Gosende, do que son membro fundador. Aos dez anos de voluntariado en Verbo Xido sumaránselle en breve outros dez nas fileiras de Capitán Gosende, vinte anos investidos na investigación, divulgación, salvagarda, promoción e valorización do patrimonio material e inmaterial de Cerdedo e da comarca de Montes. Este proxecto de intervención cultural, libérrimo e independente, foise dotando asemade de contido e, desta forma, Cerdedo conta, actualmente, cunha ampla oferta bibliográfica que atinxe os máis variados eidos: narrativa, poesía, lingua, literatura de tradición oral, crítica literaria, historia, memoria histórica, mitoloxía, arqueoloxía, etnografía, antropoloxía... A colección 'Cerdedo in the Voyager' é o tarriño das nosas esencias, preservado "até o infinito e máis alá" da ineptitude caciquil e do asimilismo colonizador. Cómpre salientar que, en dúas décadas, este labor desprendido e non subvencionado, xamais mereceu a máis mínima consideración das autoridades locais. Testemuñando o triste declive de Cerdedo, é ben certo que no pecado levan a penitencia.
Coa publicación d'O legado dos homes pequenos e d'O Embigo do Becho estableceuse un antes e un despois na arqueoloxía da Terra de Montes, pois nestes volumes fica recollido a descuberta e documentación de máis dun cento de sitios arqueolóxicos inéditos, arrequecendo o patrimonio de Montes (Cerdedo, Forcarei e Beariz) e da Galiza. 

Coa publicación da segunda edición (ampliada) de Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, dáselle continuidade ao Proxecto Montaña Máxica, esforzo encamiñado á defensa dos valores culturais e medioambientais do monte do Seixo, transformado no ano 2000 nun aberrante parque eólico. En decembro de 2002, tivo lugar a primeira edición do Roteiro da Montaña Máxica, ocasión na que dei a coñecer, entre outros tesouros etnográficos, a hoxe célebre Portalén, froito das investigacións que levara a cabo a finais dos 90 nas aldeas da contorna do Seixo. Dende aquelas, máis de 5.100 persoas participaron nos itinerarios mitolóxicos organizados e deseñados para a montaña. Fago por ben establecer esta cronoloxía, xa que, entre outras calamidades, os novos tempos inzaron a nosa chousa de arribistas desvergoñados.

Coa venda das miñas publicacións (entre outras) finánciase o Proxecto Campo das Laudas, instituído na memoria das vítimas da represión franquista en Cerdedo, un territorio onde non se cumpre a Lei de Memoria Histórica.

Por outra banda, Andar primeiro de río (2009), O río da memoria (2014) ou Os espellos do pasado (2019) constitúen a miña humilde achega á causa da Asociación Vaipolorío, valedores do río dos Gafos. Finalmente, o poemario O orgullo do gurgullo (2012) editouse en beneficio da APDR, honrando a súa angueira en prol da ría de Pontevedra.

Comentarios