Campión de inverno, pero con espiñas

Todo apunta que vai haber que dobrar as análises ou facer lecturas paralelas na actualidade do Dépor.

 

Todo apunta que vai haber que dobrar as análises ou facer lecturas paralelas na actualidade do Dépor. Con mirar para o campo, só, non chegará. Fixarémonos no que suceda no céspede, pero cun ollo posto no retrovisor da actualidade, porque abofé que ha afectar os protagonistas do cadro deportivista.

A marcha de Culio non deixa de ser unha mazada máis na convulsa vida dun equipo que o pasa mal, malia ser incríblemente o líder de Segunda División. E remata esta xornada como campión de inverno, un título que xa coñece o Dépor nesta categoría e que confirmou logo co ascenso do equipo á Primeira, hai dúas temporadas. Tamén coñece o mel de ser campión de inverno Fernando Vázquez, co Compostela, con aquel equipo rebelde que manexaba en Primeira División. Pero para conseguir esta cima, aos herculinos custoulles suor e bágoas. Dúas nóminas pendentes de cobrar, varias lesións, sancións por cartóns discutibles, e, sobre todo, novas sempre tortuosas fóra do campo.  E chegou ata aquí conservando o liderado ata converterse en campión de inverno. Foi un camiño de espiñas. Non hai alegría neste liderado, porque é moi complicado que a haxa. Nótase no ambiente. Como se pode ser líder e non estar orgulloso e contento? Pois, si, iso é o que arrecende. As cuestións extradeportivas son unha sangría nefasta sobre uns resultados deportivos envexables. E ollo, digo resultados deportivos, sen falar de estilo de xogo.

Sen ascenso, a viabilidade vaise ó traste. E se non, ó tempo.

Pois aínda queda todo un mundo por diante ata que volvan pasar outras 21 xornadas. Un camiño moi, moi longo, e amargo. É triste dicilo, pero nin desde o alto da clasificación se pode gozar, cando de esguello hai que ver tanto auto xudicial, auditorías, asembleas convulsas, eleccións inquietantes e trámites administrativos inquedantes. Como vai aguantar este equipo 21 xornadas máis? Como manterse ao marxe? Como afastar aos xogadores deste ambiente?

Tempo para Juan Carlos

En principio, e se ollamos só o visto ata o encontro do Dépor-Girona non queda máis que sacarse o sombreiro. Agradecer todo o esforzo que están a facer estes xogadores e arroupalos desde a bancada, pase o que pase. Calquera fisura social, ó marxe de eleccións e outros acontecementos como a dura convivencia coa Facenda Pública, que semella que vai asomar, pode ser letal para a vida deportiva inmediata do clube. Sen ascenso, a viabilidade vaise ó traste. E se non, ó tempo.

Sobre o partido co Girona xa vimos que a saída de Culio ten que provocar cambios necesarios. Os primeiros axustes chegaron con Juan Carlos. Evidentemente, hai que darlle tempo e xa veremos se é a única opción de Vázquez nos vindeiros encontros. Pero, con Culio ou sen el, o que falta no Dépor é pólvora. Maior acerto dos seus homes de ataque. Ante o equipo catalán, faltou de novo acerto. Houbo oportunidades claras, e moi pouca definición. O equipo coruñés leva catro xornadas sen gañar por esa negación flagrante ante o gol. Na lista de máximos goleadores de Segunda, do Dépor, o líder, non hai rastro.

Sacando lecturas positivas… o Dépor acabou a primeira volta con tres puntos de vantaxe máis que o resto dos seus inmediatos perseguidores e outros favoritos da categoría para o ascenso. Desde ese punto de vista, ó equipo branco e azul non lle vai tan mal. Con repetir a xeira da primeira parte do campionato chegaría. Será quen de conseguilo?