Todo apunta que vai haber que dobrar as análises ou facer lecturas paralelas na actualidade do Dépor. Con mirar para o campo, só, non chegará. Fixarémonos no que suceda no céspede, pero cun ollo posto no retrovisor da actualidade, porque abofé que ha afectar os protagonistas do cadro deportivista.
A marcha de Culio non deixa de ser unha mazada máis na convulsa vida dun equipo que o pasa mal, malia ser incríblemente o líder de Segunda División. E remata esta xornada como campión de inverno, un título que xa coñece o Dépor nesta categoría e que confirmou logo co ascenso do equipo á Primeira, hai dúas temporadas. Tamén coñece o mel de ser campión de inverno Fernando Vázquez, co Compostela, con aquel equipo rebelde que manexaba en Primeira División. Pero para conseguir esta cima, aos herculinos custoulles suor e bágoas. Dúas nóminas pendentes de cobrar, varias lesións, sancións por cartóns discutibles, e, sobre todo, novas sempre tortuosas fóra do campo. E chegou ata aquí conservando o liderado ata converterse en campión de inverno. Foi un camiño de espiñas. Non hai alegría neste liderado, porque é moi complicado que a haxa. Nótase no ambiente. Como se pode ser líder e non estar orgulloso e contento? Pois, si, iso é o que arrecende. As cuestións extradeportivas son unha sangría nefasta sobre uns resultados deportivos envexables. E ollo, digo resultados deportivos, sen falar de estilo de xogo.
Sen ascenso, a viabilidade vaise ó traste. E se non, ó tempo.
Pois aínda queda todo un mundo por diante ata que volvan pasar outras 21 xornadas. Un camiño moi, moi longo, e amargo. É triste dicilo, pero nin desde o alto da clasificación se pode gozar, cando de esguello hai que ver tanto auto xudicial, auditorías, asembleas convulsas, eleccións inquietantes e trámites administrativos inquedantes. Como vai aguantar este equipo 21 xornadas máis? Como manterse ao marxe? Como afastar aos xogadores deste ambiente?
Tempo para Juan Carlos
En principio, e se ollamos só o visto ata o encontro do Dépor-Girona non queda máis que sacarse o sombreiro. Agradecer todo o esforzo que están a facer estes xogadores e arroupalos desde a bancada, pase o que pase. Calquera fisura social, ó marxe de eleccións e outros acontecementos como a dura convivencia coa Facenda Pública, que semella que vai asomar, pode ser letal para a vida deportiva inmediata do clube. Sen ascenso, a viabilidade vaise ó traste. E se non, ó tempo.
Sobre o partido co Girona xa vimos que a saída de Culio ten que provocar cambios necesarios. Os primeiros axustes chegaron con Juan Carlos. Evidentemente, hai que darlle tempo e xa veremos se é a única opción de Vázquez nos vindeiros encontros. Pero, con Culio ou sen el, o que falta no Dépor é pólvora. Maior acerto dos seus homes de ataque. Ante o equipo catalán, faltou de novo acerto. Houbo oportunidades claras, e moi pouca definición. O equipo coruñés leva catro xornadas sen gañar por esa negación flagrante ante o gol. Na lista de máximos goleadores de Segunda, do Dépor, o líder, non hai rastro.
Sacando lecturas positivas… o Dépor acabou a primeira volta con tres puntos de vantaxe máis que o resto dos seus inmediatos perseguidores e outros favoritos da categoría para o ascenso. Desde ese punto de vista, ó equipo branco e azul non lle vai tan mal. Con repetir a xeira da primeira parte do campionato chegaría. Será quen de conseguilo?