Opinión

Política contra o odio

Pasar páxina soe ser a nosa forma de non resolver ningún dos retos que temos como sociedade. Os acontecementos deixan de ser noticia e facemos como que a realidade non existe. A obsolescencia social a aplicamos sen ningún pudor. Deixan os disturbios de Gran Bretaña de ocupar a portada, morreu o tema. Deixa Gaza de ser unha preocupación para a ONU, o xenocidio está permitido.

Pasamos páxina e atopámonos na mesma encrucillada. Por moito que non queiramos asumir o grande problema que supón a inoculación social do odio como un virus que nos corroe, o problema fica intacto, infecta e volverá desenvolver o síntoma da enfermidade: a violencia. O goberno británico optou polo punitivismo, entendo que é unha fórmula. Non obstante, quero destacar tamén que a saída da sociedade civil á rúa é menos mediática, pero máis importante na procura dunha convivencia real. Sobre esta cuestión gustaríame facer unha pequena reflexión.

O borrado da política do panorama social, esa falsa idea de que se pode ser de ningún sitio ideolóxico, só conduce a reproducir estereotipos e prexuízos. Estou lendo o estupendo libro de Sáenz del Álamo Biopolítica del armario, neste texto a mirada de clase e decolonial é fundamental para entender porque hai tanto interese en atacar ao diferente. Aínda que a análise vai dirixida á violencia e o silencio da diversidade sexual, á análise do odio como unha tecnoloxía de control social que incorpora moi atinadamente a dimensión interseccional. Recomendo a lectura para profundar nos discursos de odio como mecanismo de producir a morte civil de quen os sofre, de xeito individual e colectivo.

Este abandono da política, ou a súa demonización por parte de intereses económicos, sitúanos nesta especie de comunidade sen vínculos que desconfía do público e abraza sen pudor a especulación de todo o vivo. Iso que seguemos a chamar esquerda ten un traballo por diante tan importante como é construír as categorías desde as que denunciar e combater as inxustizas dun mundo atravesado polas desigualdades. A política é un espazo colectivo onde os valores marcan o que consideramos xusto ou non. Responsabilizar os inmigrantes da falta de traballo e mitificar Elon Musk é unha mostra da perda da capacidade para dialogar e confrontar ideas. Sexamos sinceras, as redes sociais e o antigo Twitter é calquera cousa menos un lugar de encontro e debate.

Nunca antes consumimos tantas series apocalípticas, a fin do mundo é unha distopía que inunda todas as plataformas de ocio. Xusto aí, nese tempo de lecer, un novo espazo político constrúese desde os grandes medios económicos. Semella unha preparación para aceptar un nihilismo global. A cidadanía que se enfrontou á ultradereita e defendeu os 31 obxectivos a bater por esta, non ocupa portadas nos xornais. Son persoas anónimas que defenden as avogadas, as traballadoras sociais, ao persoal das ONGs; conforman iso que chamamos sociedade civil. Seguro que se senten orgullosas dos seus principios e de defendelos. Son o fundamento da política. Son a política.

Comentarios