Opinión

Celebrar a nosa historia

[Alberte Mera]

Divulgar e prestixiar de onde vimos como pobo galego é labor maiúsculo para sermos galegas e galegos conscientes de nós e para facer fronte ao esquecemento e a minusvaloración que paira sobre o colectivo após tantos séculos de trabas, mofas e desarticulación política, económica e social do país -que ben describe o doutor en Filoloxía Galega e Portuguesa e colaborador deste xornal, Alexandre Peres Vigo, na súa didáctica obra Galaicofobia, publicada en marzo por Galaxia-. Por iso é de celebrar fitos que o movemento asociativo da Galiza e expertos e expertas en distintos campos están a levar a cabo. Véxanse como exemplo as páxinas de cultura do Nós Diario de hoxe: a exposición sobre o historiador Benito Vicetto inaugurada onte e que se pode visitar até outubro para coñecer "o Historiador da Galiza", comisariada pola historiadora Esperanza Piñeiro e o historiador Guillermo Llorca, e que chega da man das entidades Medulio e Ferrolterra Antiga. Asociacionismo que leva moito traballado para dignificar Vicetto e a memoria histórica da Galiza e que logrou que onte o Concello de Ferrol o nomeara fillo predilecto. E brindemos: a directora Ángeles Huerta, que nos deixou o ano pasado namorados do seu filme O Corpo Aberto, afronta a tarefa capital de levar Castelao ás salas de cinema coa súa nova longametraxe, cuxa rodaxe vén de encetar. Folgos e agradecementos á cineasta.

Comentarios