Opinión

Destino Galiza

[Xoán Costa]

A décima etapa de “La Vuelta” deu moito que falar. E debería dar máis, pero ... para reflexionar. Xa de mañá, un locutor de radio indicaba que a etapa saía de Ponteareas e remataba en Baiona, “en el norte de Galicia”. Bravo, ben se ve que ollou o mapa invertido. Ora, a cousa foi a máis cando o diario Marca acabou por converter Baiona nunha pintoresca cidade do País Vasco francés. Marca, un xornal que, ocupando Nava Castro, actual alcaldesa de Ponteareas, a Secretaría Xeral de Turismo, resultou adxudicataria dun lote importante, sen rexime de concorrencia competitiva, da publicidade do Son do Camiño de 2023. Nós Diario, daquela e máis despois, ficou excluído cando si receberon publicidade medios dixitais de audiencia, segundo o Estudo Xeral de Medios, menor que Nós Diario.

Non é Marca o único medio de fóra da Galiza que recebe boas presas de diñeiro da Xunta. Lembremos que, estando xa Feixoo de presidente en funcións, adxudicou, a dedo,  a medios de comunicación do Estado, máis dun millón de euros coa finalidade de promocionar o “destino Galiza”. E Rueda? Pois aí segue, en batalla singular contra o xigante Sánchez que “só ten ollos para quen aceita as súas chantaxes” di o Presidente alleo á realidade e disposto a pagar medios foráneos para “promocionar” Galiza, aínda que sexa a Galiza polaca.

Comentarios