Opinión

Luz e taquígrafos na prensa

[Yuri Carrazoni Mier]

Lonxe queda a idílica concepción do xornalismo como o "cuarto poder" fiscalizador dos demais no que tanto insisten as facultades de Comunicación. Na práctica, por desgraza, como acontece en calquera outro ámbito do sector privado, todo se reduce a unha premisa por todas e todos coñecida: quen paga, manda. Por iso é tan importante o novo regulamento da Unión Europea que obrigará a desvelar quen son os donos dos medios e que subvencións estatais reciben, para evitar intereses espurios e garantir unha competencia xusta entre cabeceiras.

Porque no caso que nos ocupa, o da Galiza, a transparencia e a igualdade de condicións brillan pola súa ausencia. Non deixa de ser curioso que Feixoo cargue contra o Goberno de Sánchez pola "manipulación" en RTVE mentres o persoal da CRTVG leva máis de seis anos mobilizándose contra a censura.

Di o presidente do PP que o PSOE está en contra da prensa libre; ben, el mesmo primeiro, e desde hai dous anos Rueda como sucesor seu na Xunta, exclúen reiteradamente o único xornal impreso integramente en galego, Nós Diario, dunha liña de axudas para promover o idioma que, ironicamente, copan os medios que só acordan da lingua do país unha vez ao ano. E eses perto de 1,3 millóns de euros son faragullas comparados cos millóns que se reparten de forma totalmente discrecional en publicidade e convenios sen concorrencia pública. Precisamos luz e taquígrafos sobre as subvencións aos medios.

Comentarios