Opinión

Traballar para o inglés

[Alberte Mera]

Equivocarse non só é de humanos, senón que errar, detectar os erros propios, analizar causas e posíbeis solucións e, de ser posíbel, implementalas, é a base dunha das máis valiosas das aprendizaxes humanas. Máis rica é unha persoa cando analiza os seus erros e busca mellorar as cousas. O contrario é ser testudo, turrón, teimudo. Se o orgullo é tan desproporcionado que a unha persoa non lle permite recoñecer que erra, polo menos, que non continúe afondado no camiño errado... Porén, cada día que pasa vemos un presidente da Xunta da Galiza férreo: non vai negociar un modelo de financiamento singular para Galiza, non vai negociar directamente co Estado, de ti a ti, o financiamento da Galiza; non vai permitir que a Galiza recade e administre todos impostos que as galegas e os galegos pagamos. En fin... o que na rúa dicimos... "traballar para o inglés". Se non compete ao presidente do Goberno galego defender un sistema de financiamento acaído ás necesidades da Galiza a quen compete? E sobre todo cando os outros territorios considerados nacionalidades na lexislación española xa teñen ou están a negociar un concerto económico. Que fai o presidente da Xunta deixando Galiza como un territorio de segunda? Onte visitou o mandatario galego ao asturiano, e xunto a el dixo que nada de financiamento singular. Por favor, exerza o posto e mire polos interese da Galiza. 

Comentarios