Opinión

Un futuro multilateral, vencendo eivas e atrancos

Aínda que os medios traten a guerra na Ucraína e a terrorífica agresión na Franxa de Gaza como dous conflitos militares distintos, cada día que pasa, resulta máis evidente que entre ambos hai un nexo, xa que forman parte da estratexia económica-militar dos Estados Unidos (USA) para manter a súa hexemonía, e a dos seus socios subimperialistas ou sinxelamente beneficiados pola escala de valor dominante. Daquela que ademais de Washington, hai que sumar a OTAN e outros aliados menores á aposta militarista de Zelenski e Netanyahu, mesmo que ambos países se opoñan á xustiza social, dereitos democráticos básicos, á loita contra a corrupción, etc.

Polo tanto, aínda que se vendan cinicamente  por “occidente” como unha loita contra o terrorismo, nun caso, e autoritarismo no outro, en realidade o aspecto esencial é que “occidente” manteña un lugar de privilexio na economía, no eido militar e político, dos Estados Unidos e aliados, especialmente do mundo anglo (USA, Reino Unido, Canadá, Australia, Nova Zelandia). Agora ben, esta estratexia non lle está a dar resultados. Porén, mesmo partindo da hipótese que semella máis realista, ou sexa, que se fortaleza un escenario multilateral, que xa hoxe amosa cada vez maior peso nas relacións internacionais, a consolidación do multilateralismo aínda levará seu tempo. Ademais, isto non implica que potencias como os Estados Unidos perdan totalmente un papel protagónico, senón que terán que contar coas opinións e propostas doutras potencias hoxe en nun rápido ascenso (como China, máis tamén Rusia, India, Brasil, México, Turquía, Iran, Paquistán, Indonesia,..., e grupos de nacións-estado con propostas comúns -os BRICS, G-20-).

Cada día que pasa resulta máis evidente que se reforza o multilateralismo, e que “occidente”, no senso amplo do termo (por exemplo, incluíndo Xapón e Corea do Sur), está a perder poder demográfico, económico e militar... e tamén recúa, en menor medida, no ámbito financeiro e da comunicación de masas (porén os cambios nestes dous eidos poden acelerarse máxime tendo en consideración as súas características). Para non me estender demasiado na fundamentación en relación coa esta profunda transformación do sistema que deixa atrás unha etapa de absoluta hexemonía dos Estados Unidos e aliados (G-7, OTAN) destacarei os aspectos máis evidentes:

1) No ámbito militar: o empate, como mínimo, de armamento nuclear entre Estados Unidos e Rusia, e mesmo a superioridade deste último respecto dos mísiles supersónicos. A fortaleza amosada por Rusia nunha guerra convencional (de novo tipo), como a da Ucraína, aínda que este país conta coa cobertura da OTAN. A incapacidade do exército israelí (tido como un dos mellores do mundo), malia a cobertura de USA, para derrotar a Hamas (e ao povo palestino), malia a destrución de edificios e infraestrutura e a masacre (interesada?) da povoación na Franxa de Gaza, e as persecucións en Cisxordania.

2) No eido económico: o proceso nas últimas décadas de centralización e concentración da riqueza e do poder da globalización neoliberal, así como do esgotamento do modelo, agudizado pola desfeita ecolóxica aplicáronse duras sancións económicas a potencias e países con proxectos soberanos, que non deron os resultados esperados por USA e aliados. O medre do PIB para 2024 de Estados Unidos segundo o FMI será do 2,6%, e na zona euro do 0.9%, (na China do 5%, en Rusia do 3,2%, malia a baixa natalidade). Contra o que previa “occidente” as sancións a China e Rusia ao final afectaron sobre todo a “occidente” e aos países que son as locomotoras da Unión Europea (Alemaña medre do PIB do 0,2%, Francia do 0.9%). Outra cuestión, que non se pode pasar por alto, é que as sancións económicas e o conxelamento de activos de países considerados díscolos por “occidente” restan atractivo ao dólar, e máis ao euro e libra, como moedas de reserva. Co que isto implica de negativo especialmente para os Estados Unidos, que ate agora podía imprimir billetes sen un respaldo material concreto dado o carácter referencial da súa economía, poder militar... e polo tanto “garantía de liquidez”. Aínda que o dólar siga tendo un papel nas transaccións comerciais e nas reservas, están gañando espazo outras moedas con garantías reais de que non estarán sometidas aos intereses imperiais dun país ou grupo deles.

Hai polo tanto razóns abondo para que se realicen e consoliden transformacións de fondo no sistema, especialmente no ámbito das relacións entre países. A cuestión é se estes cambios serán radicais, xurdindo múltiples centros de poder, ou pasarase por un período previo, unha transición, na que existan dos ou tres grandes bloques. Por exemplo: “occidente”, Rusia e China, e países sen unha alienación concreta, aínda que partidarios do multilateralismo, como sucedeu coas “nacións non alienadas” durante a “Guerra Fría”. En todo caso o que resulta evidente é que o unilateralismo é cousa do pasado, aínda que os Estados Unidos seguirán sendo unha potencia de primeiro orde, tanto no aspecto militar como económico. Que pasará coa Unión Europea que vai perdendo sentido como proxecto do presente e sobre todo de futuro?...

En resumo, a cuestión nacional está no primeiro plano da loita política, do relato, do debate das ideas, mais tamén todo o relativo a garantir a riqueza da diversidade cultural-lingüística, e reducir ao mínimo a desigualdade na calidade de vida entre países e clases. E por suposto sen esquecer que estes son obxectivos ligados á solidariedade, igualdade, xustiza social, defensa do ecosistema, democracia... Polo tanto, que nesta etapa haxa un tema central especifico que destaque non elimina nen deixa á marxe outras contradicións económicas e sociais a resolver no inmediato... son partes dun todo.