Opinión

Está crecendo o galeguismo?

Unha vista panorámica á sociedade galega mostra que a conciencia galeguista, non digamos xa a súa articulación política como nacionalismo, é máis ben escasa. Resulta evidente. A autonomía e o autonomismo actúan de forma case sempre subsidiaria respecto de Madrid. Hai anos que a Xunta non só non reclama competencias, senón que ás veces non disimula o seu afán de devolver algunhas das xa concedidas. A lingua que impera nas cidades é, de forma ostensíbel, o castelán. E nas Cortes só hai un deputado nacionalista; pouco que ver cos catorce de Cataluña e cos once do País Vasco.

Ante un panorama tan calmado, como entender que as forzas estatais manteñan a súa belixerancia, máis ou menos manifesta, contra boa parte dos signos de identidade autóctonos? Vexamos: a lei de normalización lingüística, aprobada no seu día por unanimidade, encóntrase agora impugnada polo PP e mal defendida polo PSOE. A lei Paz Andrade que nos aproximaría, un pouco, a Portugal, permanece en vía morta, sen que iso pareza preocupar as dúas forzas estatais. A historia de Galiza, pese á multitude de estudos académicos xa existentes, apenas ten unha presenza correlativa no ensino obrigatorio. E así poderiamos seguir.

A teor desa actitude do PP, aínda que tamén do PSOE, e a falta dunha explicación mellor, poderíase sospeitar que ese galeguismo en minoría atesoura unha capacidade larvada, fronte á cal ambos cren que hai que estar precavidos. As últimas eleccións autonómicas serían, neste sentido, un aviso.

Fagamos, pola nosa parte, unha prospección en ámbitos habitualmente non contemplados polos politicólogos. De cote vemos mapas, máis ou menos rigorosos, onde se nos mostra o nivel de españolidade, relixiosidade, afección aos touros e outras claves que poderiamos considerar identitarias, nos que País Vasco, Cataluña e tamén Galiza, mostran unha clara diverxencia co resto do Estado. Non son datos determinantes, pero creo que se poden tomar como un indicador máis, tendo en conta que en socioloxía política non existen apenas datos definitivos.

Vaiamos agora a outro lugar. Observemos os comentarios nas redes a éxitos musicais como os de Tanxugueiras ou o himno do Celta, producido por C. Tangana. Hai múltiples entradas de non galegos gustosos desa música, acompañadas de preguntas a respecto de certos signos que non logran identificar. As respostas, moitas claramente non asimilábeis a votantes nacionalistas, son de asunción dos indicadores que, noutro contexto, tomariamos como "nacionais de Galiza". 

De modo semellante, poderiamos describir a polémica deste verán arredor dos "fodechinchos ". A pesar de que o seu peso social sería difícil de proxectar e cuantificar, creo que mostra tamén a existencia dunha sensibilidade galega maior da que se deduce dos parámetros clásicos.

A miña hipótese é a de que estamos ante un cambio xeracional e transversal que favorece o galeguismo e que o deslastra de vellos prexuízos. E iso a pesar doutros factores, ben coñecidos, que operan en contra. 

Comentarios