Opinión

Os dereitos laborais das autoras

Dende o principio da miña longa carreira como autónoma (dada de alta en dous epígrafes do IAE, no de tradutoras e intérpretes e no de escrita, que nin sequera existe como tal) se algo tiven claro foi que tentar establecer unhas condicións de traballo dignas en solitario non tiña ningún sentido. Foi desta constatación da que naceron, entre outras, iniciativas como a AGPTI, pois como moitas outras persoas en Galicia confío no traballo colectivo para resolver non só os problemas individuais, senón para fomentar unha cohesión social ampla.

As malas condicións laborais en calquera profesión non teñen que ver tanto co que as traballadoras facemos, senón sobre todo co que fan as empresas e institucións que establecen as condicións marco. Por dicilo doutro xeito, tentar analizar por que poucas persoas poden vivir (exclusivamente?) da escrita en Galicia sen asignarlles responsabilidades claras a quen fai que baixe o número de falantes, a quen carece dunha política de construción cultural dende a base constitúe un argumento tan estéril como dicir que a culpa de que suban as hipotecas é de quen as solicita. O obxectivo de calquera debate sobre profesionalización debe analizar por que non existen e como sería posible crear unhas condicións para poder vivir do traballo propio sen explotación nin precariedade.
As escritoras, igual que moitas autónomas doutros epígrafes, realizamos un rango de traballos, dende dar conferencias e cursos a visitar centros de ensino e, mesmo, traducir. Estigmatizar a quen ten outro traballo fronte á responsabilidade que teñen as institucións non sei a que responde, pero a fomentar dereitos colectivos teño claro que non. Estigmatizar a quen non cobra sen interrogar por que é tan absurdo como deixar fóra todo o traballo activista que as artistas e tamén as tradutoras e intérpretes facemos. Neste segundo grupo adoitamos ter o criterio de que o noso activismo non interfira cun traballo remunerado e con iso abonda.

Se cadra é que ás veces confundimos pagamento con valor e resulta moi difícil que a sociedade pague por un traballo que se fai nunha lingua que non se valora e que moitas veces vive preso dunhas institucións cuns vicios que, se cadra o máis profesional(izante) é non contribuír ao clientelarismo e centrarse moito máis no traballo crítico de base, ese do que se deriva o exercicio de calquera dereito para todas e non só para algunhas.

Comentarios