Galegos de Trintxerpe

Os libros son mensaxes de ida e volta. Nun acto en Vigo, vén un home cun exemplar da novela xuvenil: "Eu formei parte da Banda sen futuro". Como? dixen eu, descoñecía que houbese galegos nesa banda underground. Galegos de Trintxerpe, a quinta provincia, aclarou el, José Pastoriza, Pepos. Unha historia de emigración, música e clases sociais.

Nos libros sempre hai algo da nosa vida e, ás veces, tamén das vidas doutros. A banda sen futuro é a historia dunha rapaza que, coma min, ten o cabelo rapado no intre en que cambia de cidade e de escola. Cando estaba escribíndoa, en setembro de 1998, morreu da doenza de Huntington o músico Ignacio Gasca, Poch, líder de Derribos Arias e antes da Banda sen futuro, un título acaído para as inquedanzas da protagonista. Carlota recorta a foto do xornal e emprende conversas con ela. 

O que eu non sabía daquela e que Pepos me contou: eran catro rapaces de barrio, fillos de emigrantes en Trintxerpe que fundan Glass onion: tres galegos, Juan Carlos Chenlo, J. L. Rodríguez, el mesmo, coas súas guitarras acústicas, e un batería estremeño, Manuel Moreno, Paul. E de pronto, conta Pepos, no local do colexio de monxas onde ensaiaban, aparece Poch coa súa Fender Telecaster, a mítica guitarra eléctrica. Poch pertencía a outra clase, fillo de médico e estudante de medicina. En 1978 Chenlo e Rodríguez marchan á mili, e Poch funda La Banda sin futuro con Alejo Alberdi, José Antonio Tarín, instalador de Telefónica, Paul e Pepo, xa o único galego. O grupo punk escintila até 1981, en que Poch funda Derribos Arias. No entanto, Pepos tamén é chamado á mili, o que Poch pode retrasar ao ser estudante universitario. Facer música ou non depende tamén da clase social, nuns tempos nos que vivir só da música era impensábel; os integrantes de Fuxan os ventos tiñan outra profesión. Unha contribución galega á historia do punk e do rock.