Opinión

A lúa e o dedo

Disque foi o grande Confucio quen dixo que os sabios ollaban cara á lúa, mentres os parvos ollaban cara ao dedo. Teño para min que, canda os sabios, ollan a lúa tamén os bos e xenerosos, mentres que canda os parvos se xuntan, tamén os ignorantes, férridos e duros, que xa describiu Pondal no poema que lle da a letra ao noso Himno Nacional.  

A lúa é a orde de detención acordada polo Supremo a respecto do president Puigdemont, porque a mesma é inconstitucional por un duplo motivo: porque a chamada malversación impropia na que o suposto desvío de recursos públicos para finalidades non reguladas ou mesmo ilegais non tende ao arrequecimento persoal ou de terceiras persoas está inserida no perímetro da amnistía vixente dende o 11 de xuño último  e porque todas as medidas cautelares (prendemento, prisión preventiva, fianzas e embargos preventivos, restricións á mobilidade persoal...), acordadas nos procedementos penais que se refiran a delictos inseridos no devandito perímetro da amnistía, han ser deixadas sen efecto ningún por cadanseus órganos xudiciais competentes.

Xa que logo, como acaídamente ten afirmado o noso Suso de Toro, é rechamante a unanimidade do Madrid mediático (quer de dereitas, quer progre) en ollar ao dedo,  considerando Puigdemont quen incumpre  a ilegalidade, quen se bota fóra do consenso social, quen constitúe o problema. Deste xeito explícase a desaquelada “Operación Gaiola” desenvolvida polos Mossos d´Esquedra, consumindo recursos públicos que haberían ser investidos noutras fins máis urxentes e importantes e na que se chegou disolver un grupo de pacíficas persoas con gas pementa, xusto diante da sede parlamentaria da representación nacional de Catalunya.

Tamén observa Suso de Toro o dominio do territorio que amosaron o president Puigdemont e a súa equipa de colaboradores, que contou ademais coa axuda de moi variadas persoas de moi diversas extraccións sociais e mesmo funcionariais. Case 72 horas botou Puigdemont na Catalunya, na propia Barcelona e noutros lugares do País sen o prender.

Poderíaseme retrucar que o importante é que Illa foi investido, que axiña operará un novo Govern catalá do PSC que conta co apoio de ERC, das esquerdas españolas e do poder económico do upper Diagonal barcelonés e que, deste xeito, o aparente trunfo político no curto prazo do político xironés, ficará esvaído diante da fin do procès e do comezo da normalización política catalá. Mais non hai tal.

Non hai tal porque a falla de efectividade da amnistía amosa a persistencia do ciclo anormal de represión xudicial que o lexislador pretendeu (e polo de agora non acadou) resolver coa amnistía. Este feito, canda a implosión de ERC e a extrema dificultade intrínseca de que se implemente a singularidade fiscal catalá, determina que Catalunya continúa lonxe da normalidade política.

 E, nestas circunstancias, a vitoria política de Puigdemont o 8-A coordina  JuntsxCat canda o labor da ANC e demáis entidades sociais soberanistas, afirma o seu liderado como único referente do independentismo (diante da implosión da ERC e a falla de utilidade da CUP) e, xa que logo, ofrécelle ás persoas náufragas da ERC e a centos de milleiros das abstencionistas do 12-M unha plataforma política. Cando menos até que se acade a plena aplicación da amnistía. E despois xa Deus dirá.

 Verémolo, sen dúbida ningunha, na vindeira Diada do 11-S e nas vindeiras enquisas.

Comentarios