Opinión

Amílcar Cabral: ideoloxía, nacionalismo e cultura (e III)

Liquidar o sistema colonial, representaba para Amílcar Cabral a formación dunha cultura revolucionaria xurdida do nacionalismo de clase revolucionaria: eixo da fronte de liberación nacional, onde os seus dirixentes e integrantes, comprenderan as diversas camadas, tanto rurais como urbanas, aínda asimétricas entre elas; dado que o continxente urbano estaba representado por unha pequena burguesía “lumpen”, tal como a tiña definido Cabral, cando as masas rurais sentían desconfianza no momento de compartir colaboración con esta pequena burguesía no que atinxía á cultura popular, nacionalista e revolucionaria.

Cando Amílcar Cabral falaba de cultura nacional hai que advertir que sempre matizou, por desigual, os factores de Guiné-Bissau, por unha banda, e os de Cabo Verde, por outra. As matizacións que el fixo, neste sentido, son esclarecedoras: “Se é verdade que, do ponto de vista cultural, em Cabo Verde as condições são um bocadinho melhores que na Guiné, porque dadas as condições em que a população se desenvolve, nunca se pôs a questão de indígina e então em princípio qualquer filho de Cabo Verde pode ir à escola (escola oficial), não é menos verdade que, no total, havia muito menos escolas do que na Guiné.

A importancia que lle deu Amílcar Cabral ás particularidades das culturas africanas revelan a súa predisposición no cambio de relacións sociais que tiñan que verificarse a través da cultura. As fontes e as referencias, neste sentido, son impresionantes para que un poida ter un acentuado concepto do que el quería conquistar e resolver para que a cultura fose o motor de cambio revolucionario no proceso de liberación nacional. Nesta dirección, o pensamento marxista de Cabral hai que estudalo desde varias esixencias  até concretar o proceso histórico da loita de clases e a configuración en que está instalada a conciencia nacional. A súa análise está inscrita no entorno de Guiné-Bissau e Cabo Verde e valorizada noutros contextos históricos de realidades semellantes a estas dúas nacións, por el fundadas e seus respectivos estados.

Pode parecer, e de feito sucede, que as teorías de Marx e Engels están presentes no enfoque cabralista. Aquí, o máis importante de Cabral reside na súa interpretación, clasificación e definición de esquemas sociais, que sirvan de modelos culturais específicos para diversos procesos que son desiguais en tempo e espazo. Resoltamente, a cultura como axente de acción, ten que crear condicións que transformen a sociedade ao lado doutros axentes sociais: base e fase da cultura normalizada naquelas relacións sociais, sendo un dos atractivos de estudo teórico que máis apaixonou a Amílcar Cabral.

Ese discurso de Cabral seméllase, en certos puntos, ao de Franz Fanon sobre o papel do intelectual colonizado que debe asumir a “verdade nacional”. O de Cabral marca diferencias entre esa “verdade nacional” fanonista, coa súa postura de “conciencia nacional”, como base indispensábel para conferirlle, ao movemento nacionalista, credibilidade para fortalecer a cultura no momento de asumir a soberanía nacional. Neste sentido, en Amílcar Cabral localizamos varios rexistros sociolóxicos enfocados cara unha estratexia culturalizadora, en fase permanente, para resistir en varias frontes todo o que se debe intensificar no plano da cultura nacional popular. Neste sentido, tanto Cabral como Fanon souberon discernir as diversas frecuencias e mutacións que se producen en certos esquemas da cultura colonizada en vías de liberación, no que se refire a utilidade dialéctica do nacionalismo e da cultura, como acelerador das estruturas globais na fase de independencia, onde a cultura nacional, nun sentido amplísimo, ten que ser a arma letal para derrotar o colonialismo, no ámbito nacionalista e de loita de clases. Estes conceptos cabralistas, continúan vixentes en diversos estudos e postos en valor, na actualidade do centenario do seu nacemento, no actual ano, en Guiné-Bissau e Cabo Verde, en numerosos países africanos e non só.