Dous anos de Sermos Galiza

Construír un espazo galego de comunicación non é unha empresa fácil. Máis ben é titánica.

 

Construír un espazo galego de comunicación non é unha empresa fácil. Máis ben é titánica. Fronte a ela, érguense poderosos muros, os dos intereses dos que non queren que Galiza sexa ela própria, dos que a queren inferiorizada, secundarizada, dependente. Mais esa tarefa construtiva foi a que animou a Sermos Galiza desde o seu estadio embrionario, desde o momento en que foi impulsada polo grupo promotor. Construír sempre é moito máis difícil que destruír, facelo en galego e para Galiza, aínda moito máis.

Cumprimos dous anos este 26 de Abril como diario dixital e cumpriremos dous anos o 8 de xuño como semanario, o único integramente en galego dos que hai no país. Este tempo, e digo isto con absoluta humildade, coido que contribuímos para criar ese espazo galego de comunicación sen o cal Galiza como construción colectiva, como nación atuante, non será posíbel.

Cometimos erros, claro, mais dous anos son os dunha criatura que aínda ten muito que aprender e muito que medrar. Erros de inexperiencia, en ocasións, erros tamén ás veces de exceso de paixón polo que facemos. Erros dos que, en todo caso, aprendimos, tiramos conclusións, para axirmos mellor ou para tentalo.

Queremos que a Comunidade Sermos sexa un clamor cada día máis masivo: a gritante expresión de que aquí hai un país que quer contar os seus próprios relatos, que está farto de que outros escriban a súa historia.

Un meio de comunicación é sempre un organismo vivo e, como tal, a súa sorte non está predeterminada. Sermos Galiza será sempre o que a súa Comunidade queira que sexa. Comunidade Sermos, esa é a chave. Comunidade Sermos somos tod@s aqueles que, dun xeito ou doutro, estamos comprometid@s com a tarefa de racharmos os muros e a dependencia, con a tarefa de sermos nós próprios, galegos e galegas sen complexos.

Non quero ser excesivamente retórico nen quero abusar do número de caracteres. Temos 2 anos como meio. Aínda estamos en cueiros. Sabemos das nosas imperfeccións, tamén das nosas eivas. Mais, sen falsa modestia, tamén das nosas fortalezas: a paixón por facer xornalismo comprometido cun país que aínda está por normalizar, cunha nación que aínda está por liberar. A paixón por escreber en galego e para Galiza. A paixón por vermos o mundo con óculos próprios, non emprestados.

Queremos cumprir moitos máis. Queremos que a Comunidade Sermos sexa un clamor cada día máis masivo: a gritante expresión de que aquí hai un país que quer contar os seus próprios relatos, que está farto de que outros escriban a súa historia.