Tanxugueiras — 'Pedindo Perdón'

Desde esta sexta feira está dispoñíbel Pedindo Perdón, o novo sinxelo de Tanxugueiras. A canción fala da saída dunha relación tóxica, onde as protagonistas, neste caso elas mesmas, saben que poden camiñar soas, sen ningún tipo de dependencia emocional e que as únicas ás que necesitan querer para tirar cara adiante é a elas mesmas.

Tamén fala de arrepentimentos e de saber cando deixar de dar oportunidades a persoas que non o merecen e que, despois de moitas, seguen facéndoche mal. En definitiva, en Pedindo Perdón, a través do empoderamento reivindícase a necesidade de quererse ben a unha mesma como remedio para sandar todo tipo de males.

O tema foi producido por Tanxugueiras, Iago Pico e Ainoa Buitrago, e é resultado das sesións de composición que tiveron lugar na sede madrileña de Warner Chappell en 2023 enmarcadas dentro de 'She Sounds'. Foi durante o desenvolvemento destas xornadas cando as tres artistas entraron o contacto con Ainoa e fraguouse a creación deste novo tema.

Ademais, no proceso de composición da canción tamén participaron outras dúas artistas que asistiron á iniciativa: Camilú e Ale Zabala, cumprindo co fin último destas sesións, pór en contacto mulleres da industria musical de diferentes perfís para crear sinerxías, desenvolver o seu talento e tecer redes de apoio e traballo.