Angelina Chavango, actriz: "O conto non é só unha técnica para chegar a unha obra teatral, é a nosa forma de ser"

Angelina Chavango (Maputo, Mozambique, 1985) é unha das profesoras que participa no programa de mobilidade Erasmus+ dentro do programa KA171, realizando así unha estancia na Escola Superior de Arte Dramática da Galiza (ESAD). Chavango, profesora na Universidade Eduardo Mondlane (Maputo), elaborou o plan de traballo "Introdución ao estudo do teatro africano e mozambicano e improvisación a través dos contos e xogos tradicionais" co obxectivo de crear un espazo de intercambio artístico, respectando a identidade e diversidade cultural entre o profesorado e o alumnado. 
Angelina Chavango (Foto: Nós Diario).
photo_camera Angelina Chavango (Foto: Nós Diario).

Cal foi a súa experiencia participando neste programa de mobilidade?
Eu medrei nun barrio no que naceron grandes artistas, grupos e axentes culturais, músicos e deportistas de renome. Medrei baixo toda esta influencia artística porque pasei toda a miña infancia vendo estas actuacións, que ademais eran gratuítas. Ao medrar, comecei a probar o teatro comunitario con algunhas das amizades do meu barrio e cando me decatei da existencia dun curso superior de teatro, quixen entrar. Desde entón estou ligada a esta disciplina como actriz e docente. Estiven na Galiza co desafío de compartir a miña experiencia e os meus coñecementos na área do teatro africano e mozambiqueño, utilizando a improvisación a través de historias e xogos tradicionais. 

Percibo que na Galiza hai unha presenza moi forte de narradoras, mentres que en Mozambique non hai unha organización tan forte. Con todo, o que acontece na Galiza, en comparación, é que só existe unha narración de contos: o uso de contos para o teatro non é común, non é de dominio público, e moito menos os xogos. Por iso, durante algunhas sesións, estivemos facendo improvisacións a partir de contos e xogos para, a través deste proceso, chegar a construír unha peza. Unha peza na que hai elementos dos xogos: verbais, xestuais, palabra cantada e falada. 

Como cre que poden beneficiarse o teatro galego e o mozambicano deste tipo de intercambios?
Creo que gañan moito. Como docente, o meu campo de acción é a universidade, o contacto con outros estudantes. Ver o que se fai na Galiza e entender a comunicación, e especialmente a comunicación artística, sérveme tamén no meu espazo de traballo. Hai algunhas diferenzas nas creacións e nas formas de facer e de expresarse, por exemplo en termos de movemento, que ten que ver coas diferenzas culturais. Esta forma de comunicar a través do corpo poderei utilizala para enriquecer a experiencia do meu alumnado en Mozambique. 

Por outra parte, penso que o alumnado galego leva consigo moitos elementos da nosa cultura, do noso teatro. Tiveron a oportunidade de aprender as nosas historias, xogos e cancións. Porque os nosos xogos teñen esta dimensión musical, que é o que fai a diferenza na construción do espectáculo. 

Cal é o papel que xogan estas historias, xogos e cancións tradicionais das que fala?
En Mozambique, utilizamos xogos populares como elemento para entrar en calor e atopar a concentración, a dinámica e a cohesión do grupo. O que ocorre cos contos curtos e este tipo de historias é que son parte do noso ser, do noso estado. A maioría das comunidades africanas teñen unha tradición oral e este tipo de contos son utilizados para ensinar ás crianzas. 

É a xente nova a que garda estas lembranzas para transmitilas de xeración en xeración. Así, o conto, para nós, non é só unha técnica para chegar a unha obra teatral, ou a unha obra poética ou literaria en xeral, senón que tamén é a nosa forma de ser. 

Comentarios