“50 anos en defensa do patrimonio": A AC Alexandre Bóveda recibe o Premio Moncho Valcarce

Fanse 30 anos do pasamento do cura das Encrobas.

IMG_1169
photo_camera A presidenta da A.C. Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, recolleu o galardón. (Foto: Alexandre Bóveda)

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda recibiu este sábado 10 de o Premio Moncho Valcarce pola Defensa e a Promoción da Terra, que concede a Irmandade Moncho Valcarce, despois de recuperalo este mesmo ano, cando se fan 30 do pasamento do cura das Encrobas.

O acto de entrega do galardón desenvolveuse no transcurso dun xantar no Hotel Plaza da cidade da Coruña.

No mesmo aproveitouse para realizar a presentación dos membros da nova Xunta Directiva da Irmandade e para anunciar as novas liñas programáticas para continuar coas actividades, seguindo a senda das realizadas en anos anteriores.

50 anos de traballo polo patrimonio

A asociación premiada leva perto de 50 anos traballando para dignificar o patrimonio da Galiza con múltiples e variadas actividades que van dende cursos de galego, conferencias, ciclos de música, teatro, fotografía, homenaxes, exposicións, seminarios e unha longa listaxe de accións que contribúen á dinamización cultural e social do país.

A directiva da Irmandade Moncho Valcarce considera que “o traballo diario da Asociación Cultural Alexandre Bóveda é un modelo para manter aceso o facho da nosa cultura e da nosa identidade”.

Ao recibir este premio, a Alexandre Bóveda únese a un grupo de 37 premiados, entre os que están a Asociación Socio-pedagóxica Galega (AS-PG), asociacións anti-encoros, Preescolar na casa, Asociación de xitanos Chavós, centros de desenvolvemento rural, Xesús Mato, Isaac Díaz Pardo, Xosé Manuel Beiras, Avelino Pousa Antelo, Xosé Chao Rego, Manuel Caamaño, A Mesa pola Normalización lingüística, Camilo Nogueira Román, Manuel Lugrís, A Quenlla ou o Museo do Pobo Galego.

Comentarios