A Deputación de Pontevedra homenaxea Francisco Del Riego

O evento programou unha palestra a cargo de Malores Villanueva e un espectáculo de cociña en vivo do chef Rubén González  

Imaxe do acto en homenaxe a Del Riego. (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Imaxe do acto en homenaxe a Del Riego. (Foto: Deputación de Pontevedra).

A Deputación de Pontevedra celebrou na mañá de hoxe o seu acto central das Letras Galegas 2023 en homenaxe a Francisco Fernández del Riego cunha palestra a cargo de Malores Villanueva e un espectáculo de cociña en vivo do chef Rubén González, que amosou a faceta de “comellón” do autor ao que este ano se dedica a festa máis importante da lingua.

A xornada comezou coas intervencións institucionais da presidenta Carmela Silva, a deputada de Lingua María Ortega e a académica da RAG Fina Casalderrey.

Posteriormente, a profesora, investigadora e escritora Malores Villanueva -quen pasou moitas horas semanais xunto a Del Riego para facer a súa tese doutoral- fixo un  percorrido pola súa vida e obra, case de maneira íntima, salientando a importancia do escritor galeguista, quen durante toda a súa traxectoria se puxo ao servizo de Galiza, sendo un grande activista e defensor tanto da cultura como da lingua galega.

A parte didáctica estará acompañada por outra gastronómica, unha iniciativa novidosa que pretende amosar unha parte máis persoal e menos coñecida de ‘Don Paco’: a de bo comedor e amante dos produtos do mar do país.

A difícil tarefa de facer un espectáculo gastronómico baseado nas preferencias de Del Riego chegará da man de Rubén González, de El Cafetín Pontevedra, galardoado con numerosos premios.

No evento tamén se repartirá a cada persoa asistente unha copia dun artigo que un xovencísimo Del Riego –estudante de Dereito- escribiu no xornal A Nosa Terra en 1932 titulado Fiestra sobor da lingua galega.

Nel afirma que “na lingua, seipano ou non os indiferentes, está o máis íntimo e san do noso esprito, fecundalo é laboura da nova Galicia, deixar desfaguerlo é o mesmo que se negar a si’”, e fai un chamamento ás persoas galeguistas para escomezar unha xeira no “erguemento” da cultura galega... nun momento, durante a II República, no que as liberdades e os avances apostaban por defender a identidade do país mais quedaron truncadas co golpe.

O acto da Deputación tivo cheo o salón de plenos, xa que as prazas dispoñibles estaban esgotadas dende hai días.

Comentarios