Así é o caderno especial que 'Nós Diario' dedicará a Rosalía de Castro este 23 de febreiro

Entregarase de balde co xornal no 187º aniversario do nacemento da poeta.
Ilustración de Rosa Cabana para o especial Rosalía de 'Nós Diario'.
photo_camera Ilustración de Rosa de Cabanas para o especial Rosalía de 'Nós Diario'.

Achégase, máis unha vez, un novo Día de Rosalía, e para celebralo, Nós Diario publicará un especial de 16 páxinas que rende homenaxe á que é a primeira poeta do país. Rosalía segue sendo unha figura que xera consenso e adhesión entre toda a cidadanía.

A xornalista Montse Fajardo escribe unha reportaxe que pasa revista aos lugares que homenaxean a autora -parques, xardíns, prazas, alamedas, monumentos, plantas e mesmo unha estrela- a partir da catalogación iniciada por Carlos Rodríguez Dacal para a Fundación Rosalía. 

A profesora da Universidade da Coruña Carme Fernández Pérez-Sanjulián, pola súa parte, revisa a obra crítica e investigadora que Pilar García Negro foi construíndo sobre Rosalía ao longo de 40 anos. Aborda os quince traballos que se presentan no volume Intenso e solidario feminismo e que permiten obter unha visión integral do seu discurso crítico en relación coa obra da autora e constatar a relevancia da súas achegas interpretativas no ámbito dos estudos rosalianos e do feminismo.

Rosalía de Castro é unha das poetas máis cantadas da literatura europea e, quen sabe, se tamén da universal. Este especial ofrecerá unha recompilación de poemas interpretados musicalmente por diferentes autores e autoras. Indícanse fragmentos do texto orixinal de Rosalía, que non sempre se corresponde exactamente coa versión musicalizada. Esta pode escoitarse, e ás veces verse en video, accedendo desde os códigos QR que acompañan cada peza do especial.

O Día de Rosalía incorpora unha campaña de promoción do libro galego

E seguindo coa música, o músico César Morán repasa o itinerario musical da que é, segundo o autor e colaborador habitual de Sermos Galiza, "a poeta mais musicada". Di Morán que "o mito rosaliano, que chegou aos nossos dias, vive na música desde Montes ou José Baldomir. Mais se é 'Negra sombra' o canto mais emblemático, as versões musicais sobre a autora abrangem todos os estilos: o pop, o jazz, o rock, o folque, o vocal clássico, o rap ou a linha cantautora". 

O caderno de Nós Diario tamén incluirá o manifesto que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) encarga todos os anos a algunha autora ou autor para ser lido en todos os actos organizados pola asociación, nomeadamente, para o acto central no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, en  Compostela. Este ano, o profesor de Lingua Galega e Literatura e Xeografía e Historia e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, é a persoa encargada da redacción do Manifesto.

Unha capa cunha ilustración da creadora Rosa de Cabanas cedida para este suplemento completa as achegas do especial que acompañará o exemplar de Nós Diario do 23 de febreiro, 187º aniversario do nacemento de Rosalía.

Comentarios