O número de traballadores afectados por ERE dispárase un 65%

A cifra resulta da comparación co mesmo período do ano 2023.
Traballadores da construción. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Traballadores da construción. (Foto: Nós Diario)

Os traballadores afectados por Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) autorizados polas autoridades laborais ou comunicados ás mesmas aumentaron un 65% nos dous primeiros meses do ano en comparación co mesmo período de 2023, até un total de 18.587 afectados e afectadas, segundo datos provisionais do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Por tipo de procedemento, o volume de traballadoras afectadas por despedimentos colectivos subiu en 29% interanual nos dous primeiros meses do ano, até un total de 2.999 traballadoras afectadas.

Pola súa parte, os traballadores afectados por suspensións de contrato incrementáronse en 87,3%, até os 14.933 empregados, mentres que os afectados por procedementos de redución de xornada reducíronse en 32,3%, até un total de 655 afectados.

Do total de traballadores que estaban en ERE ao finalizar febreiro, 5,4% (1.015 traballadores) víronse afectados por procedementos orixinados por causa de forza maior, en tanto que o 94,5% (17.572 empregados) estábao por procedementos de regulación derivados de causas económicas, técnicas, organizativas e de produción (ETOP).

A industria, a máis afectada

Por sectores, o total de traballadores afectados por todos os procedementos disparouse un 80,2% na industria e un 63,5% na construción, até os 12.620 e 242 afectados, respectivamente, mentres que creceron un 41,8% na agricultura, até os 275 afectados, e avanzaron un 39,1% nos servizos, ata os 5.450 afectados.

Ademais, os traballadores afectados por suspensión de contrato sextuplicáronse na construción, até un total de 170 afectados, aínda que foi o industrial o sector con maior número de empregados con suspensión dos seus contratos, 11.200, 88,6% máis que nos dous primeiros meses de 2023. Nos servizos e a agricultura, os empregados afectados por estes procedementos aumentaron un 83% e un 7%, respectivamente.

Comentarios