Eduardo Casanova, Lois Patiño, Paula Ortiz e Víctor Iriarte estrean as previas dos Feroz 2025 en Pontevedra

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que Pontevedra aspira a ser "unha das capitais da cultura cinematográfica" a través dos Premios Feroz nos anos 2025 e 2026.
66ec198105-feroz
photo_camera Laura Seoane, Fernández Lores e Rafael Domínguez. (Foto: Concello de Pontevedra)

Os Premios Feroz 2025 achéganse cara á Pontevedra. Onte, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da coprodutora executiva dos Feroz, Laura Seoane, e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez; participou na presentación da programación do mes de outubro como previa a celebración da Gala dos Premios Feroz na cidade. A  gala, que se celebrará o sábado 25 de xaneiro no Recinto Feiral, virá precedida dunha ampla programación que se prolongará ao longo de todo o outono e parte do inverno, e que convocará na cidade algúns dos creadores e creadoras de cinema e series.

Deste modo, en outubro iniciarase un ciclo de proxección de películas gañadoras e nomeadas nos Premios Feroz Arrebato nos últimos ano: Serán as seguintes:

4 de outubro, 18:30 horas. Proxección de La piedad con Eduardo Casanova, película protagonizada por Ángela Molina, gañadora no 2022 do Premio Feroz Arrebato de ficción. Lugar: Pazo da Cultura

16 de outubro, 18.30 horas. Proxección de‘Samsara con Lois Patiño, que ao seu paso pola Berlinale 2023 alzouse co Premio Especial do xurado na sección ‘Encounters’ (ex aequo). A película foi candidata ao Premio Feroz Arrebato de No Ficción en 2024. Sesión en colaboración con Novos Cinemas. Modera Suso Novás. Lugar: Facultade de Comunicación - Sala de cine

23 de outubro, 18.30 horas. Proxección de Sobre todo de noche con Víctor Iriarte, película protagonizada por Lola Dueñas e Ana Torrent. Gañadora do Premio Feroz Arrebato de Ficción este mesmo 2024. Lugar: Facultade de Comunicación - Sala de cine

30 de outubro, 18.30 horas - Proxección de Teresa’con Paula Ortiz, baseada no texto de Juan Mayorga (La lengua en pedazos) que afonda na figura da relixiosa coma unha arma subversiva, encarnada en Blanca Portillo. A película foi candidata ao Premio Feroz Arrebato de Ficción no 2024. Modera Pedro Vallín. Lugar: Facultade de Comunicación - Sala de cine

As entradas a todas as sesións son de balde previa retirada de localidades na oficina de Turismo da Praza de España de Pontevedra desde sete días antes de cada actividade e até completar o foro. Repartiranse un máximo de catro entradas por persoa.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que Pontevedra aspira a ser "unha das capitais da cultura cinematográfica" a través dos Premios Feroz nos anos 2025 e 2026. "Levamos tempo traballando neste tema e só podemos agradecer a colaboración de todas as partes implicadas á hora de facelo posíbel. Para min é unha alegría tremenda poder acoller esta cita, unha cita que transcende á cidade. Estamos encantados".

As actividades previas continuarán en novembro con novas convocatorias e propostas. Xa en decembro e xaneiro, tras anunciarse os nomeamentos aos Feroz 2025 e unha vez que se coñeza a personalidade distinguida co Feroz de Honra, proxectaranse algunhas das películas e series con opcións de facerse cunha figura na gala do 25 de xaneiro, e un ciclo especial dedicado ao premio honorífico desta 12ª edición.

Pola súa parte,Pontevedra, co acordo estabelecido coa AICE, revalida a súa xenuína condición de cidade aberta ás voces dos artistas do audiovisual, que cada ano proxectan un novo imaxinario da nosa sociedade.

Comentarios