O sector das artes escénicas presenta, co gallo do 25-N, o 'Protocolo de prevención e actuación do acoso sexual'

Nove asociacións asinan o texto, conseguindo a adscrición dun gran número de empresas, sindicatos e asociacións sectoriais vinculadas ao sector das artes escénicas e a música, convertendo o documento nunha referencia a nivel estatal, o primeiro e único destas características.

Patricia de Lorenzo, Sandra Vázquez e Rosa Álvarez Prada,na presentación do protocolo.
photo_camera Patricia de Lorenzo, Sandra Vázquez e Rosa Álvarez Prada,na presentación do protocolo.

O sector das artes escénicas de Galiza presentou esta cuarta feira o protocolo de prevención e actuación ante casos de acoso sexual por razón de sexo ou xénero, un documento que engloba a boa parte dos traballadores do sector e co que esperan non só abordar posibles casos, senón traballar na prevención das violencias.

Na presentación do documento, 'Protocolo de prevención e actuación ante casos de acoso sexual por razón de sexo ou xénero nas artes escénicas', asistiron, ademais de representantes das nove asociacións asinantes, Patricia de Lorenzo, de Escena Galega, a decana do Colexio de Psicoloxía de Galiza, Rosa Álvarez Prada, e a secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez. As tres asinaron simbolicamente o protocolo. 

Patricia de Lorenzo destacou as dúas novidades fundamentais do protocolo. Un deles é o seu ámbito de aplicación, xa que todas as persoas físicas e xurídicas representadas nas nove asociacións asinantes están amparadas polo protocolo. 

A nivel sectorial, tamén engloba todas as disciplinas das artes escénicas (ademais da música e o audiovisual, o teatro, a danza, o circo ou a maxia, entre outras), e tamén a xestión cultural e a produción técnica. 

De Lorenzo tamén reivindicou a responsabilidade das artes escénicas, así como o seu compromiso, para tratar de erradicar a violencia machista. Por iso, considera que o protocolo é tamén unha oportunidade para darlle "máis corpo e contido" con pezas escénicas, audiovisuais, etc.

Traballo de todo o sector

A seguir, a decana do Colexio de Psicoloxía de Galiza, puxo o foco na prevención e a sensibilización pola que aposta o documento, mentres que a secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, destacou que o protocolo sexa froito do traballo conxunto de todo o sector.

Comentarios