Fernández del Riego: "Queimamos as nosas vidas en defender a cultura do país”

Sempre colaborador, disposto á conversa sen temas vedados, entrevistamos Francisco Fernández del Riego en diferentes ocasións e mantivemos contacto habitual na Biblioteca Penzol, onde foron todas elas realizadas. Neste texto pódese ler a combinación de encontros que decorreron nos anos 1988, 2002 e 2007, publicados integramente en A Nosa Terra e El País.
Del Riego, no seu despacho da Fundación Penzol, coa máquina de escribir que utilizou para redactar milleiros de páxinas de artigos e de libros (Imaxe: Xan Carballa e Gustavo Luca)
photo_camera Del Riego, no seu despacho da Fundación Penzol, coa máquina de escribir que utilizou para redactar milleiros de páxinas de artigos e de libros (Imaxe: Xan Carballa e Gustavo Luca)

"Empecei coa monarquía liberal, seguín coa ditadura de Primo de Rivera, coa ditabranda de Berenguer, asistín en Madrid á proclamación da República e estiven na delegación que visitou no Cárcere Modelo o Goberno provisional presidido por Alcalá Zamora. Apandei co franquismo, e a súa represión, e finalmente a democracia. A historia contemporánea contempleina activamente e hoxe son o único militante vivo dos fundadores do Partido Galeguista". Así era o resumo rápido de Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo 2010) lembrando a súa biografía case centenaria en 2007.

O seu traballo en toda caste de iniciativas serviu para manter o enlace xeracional e a continuidade intelectual. Dirixe nesa altura a Biblioteca Penzol, na que despacha todas as mañás e nunca cobrou un can, “morro coa conciencia de que nada me poden reprochar”. A maiores doou a súa biblioteca de 30.000 volumes e unha valiosa pinacoteca. 

Arredor de si, de Otero Pedraio, conta como unha xeración descobre Galiza. Como foi ese camiño? 
Vicente Risco, Otero Pedraio e Florentino Cuevillas exprésano de distinto modo. Eran intelectuais que coñecían a literatura estranxeira, admiraban os simbolistas franceses, lían nos idiomas orixinais, pero non se preocupaban da Galiza. Un día decatáronse de que estaban nun país que descubrir e ao que se entregar e deixaron de dar voltas sobre si mesmos.

Consideraron estéril a procura anterior e afincaron o seu saber intelectual na Galiza creando o que chamamos nacionalismo. Deron o salto dun galeguismo local a un galeguismo europeo, querían falar con voz propia no concerto universal, pero custou moito chegar con esas ideas á xente.

O seu galeguismo acorda en Madrid, como o de moitos outros.
Incorporeime ao galeguismo por un acontecemento estraño na Facultade de San Carlos, en Madrid: cando uns estudantes empezaron a tratar dun modo despectivo un estudante galego, ridiculizándoo. Entón outro estudante e mais eu reaccionamos violentamente. Empecei a preocuparme polas cousas galegas, déronme a ler algúns números de Nós, lin traballos de Vicente Risco e nesa época empecei a concienciarme no problema da Galiza.

Mestureime axiña coas loitas universitarias e fun un dos estudantes da Asociación ao Servizo da República despois dun manifesto publicado por Marañón, Pérez de Ayala e Ortega y Gasset, e incorporeime ás actividades de loita alí. Estiven na Facultade de San Carlos cando Emilio Mola [futuro organizador principal do golpe militar de 1936] era director xeral de Seguridade, e estando alí encerrados os gardas asaltárona a tiros… ou sexa que intervín dun xeito máis ou menos espectador de todos aqueles movementos previos á República.

Nas vacacións, xa en Vilanova de Lourenzá, preparei un manifesto polo 25 de Xullo, cun estudante de Medicina, organizamos unha festa con gaiteiros e subín ao balcón do concello. Izamos a bandeira galega e pronunciei por primeira vez en público unhas palabras, fronte á sorpresa da xente que non entendía nada daquilo nin lle interesou. Agora falamos con normalidade de galeguismo, pero ao principio eramos unha minoría contracorrente.

[Este é un extracto do texto que se publicará no SERMOS GALIZA ESPECIAL FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO o 13 de maio. Para ler o artigo íntegro, compra Nós Diario nos puntos habituais de venda este sábado]
 

Comentarios