O Festival das Carrilanas ficha a Tanxugueiras, Sidecars, The Rapants, Mondra ou Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

O evento, cuxo acceso é gratuíto, celebrarase na fin de semana do 19 ao 21 de xullo e contará con tres escenarios en Esteiro.
O trío Tanxugueiras (Foto: Polaride).
photo_camera O trío Tanxugueiras. (Foto: Polaride).

O Festival das Carrilanas), a cita musical de que acompañará a 35ª edición do Gran Prix das Carrilanas de Esteiro (Muros), contará con Tanxugueiras, Sidecars, The Rapants, Mondra, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Capital Voskov, Monoulious DOP, Lontreira e Galician Army, entre outras bandas. O evento, promovido pola ADC Esteirana de Carrilanas, ofrecerá na fin de semana do 19 ao 21 de xullo unha programación aberta a todos os públicos e con entrada de balde -con acceso prioritario para socias e socios da entidade- durante os tres días de celebración do grande espectáculo das carrilanas galegas, declarada Festa de Interese Nacional no 2021, e que na pasada edición reuniu máis de 35.000 asistentes.

O Festival das Carrilanas contará neste 2024 con tres escenarios diferentes, nos que se celebrarán tanto os concertos nocturnos como ao mediodía. Estas últimas actuacións terán lugar na Alameda de Esteiro, zona na que se situará, como é habitual, e ademais deste palco, o espazo de actividades infantís (contacontos, xogos populares de madeira ou obradoiros, entre outras iniciativas) e o mercado tradicional de artesanía, que este verán celebrará a súa quinta edición.

A intención da organización, un ano máis, é convidar a todos os públicos a gozar da baixada de Carrilanas de Esteiro, unha festa única que aúna tradición, diversión e velocidade nun mesmo evento.

O Gran Prix de Carrilanas é un evento de referencia no verán da Galiza. Cada ano milleiros de persoas danse cita en Esteiro para gozar dunha celebración especial que xira arredor da posta en valor das carrilanas, vehículos artesanais, feitos de madeira, que descenden sen axuda de motor por un circuíto situado en Esteiro.

A singularidade desta festividade, que mantén viva unha proposta que ten a súa orixe nos xogos populares de tradición galega, fai que Carrilanas de Esteiro sexa unha cita ineludíbel para as amantes da artesanía, da velocidade e da tradición.

Comentarios