Galaxia recupera a obra e a música de Marcial Valladares

Galaxia publicará a finais de xaneiro A música dos Valladares. Retratos de familia, de Pablo Bernárdez e ilustracións de Hortensia Fernández.
Retrato de Marcial Valladares. (Foto: Real Academia Galega)
photo_camera Retrato de Marcial Valladares. (Foto: Real Academia Galega)

A editorial Galaxia publicará a finais de xaneiro A música dos Valladares. Retratos de familia, de Pablo Bernárdez e con ilustracións de Hortensia Fernández. A obra pretende ser un repaso da vida e a obra de Marcial Valladares a través da súa música. Valladares recompilou melodías e coplas tradicionais, ademais de ser autor de composicións propias. 

O século XIX significou para a Galiza un verdadeiro "renacemento cultural". Na familia Valladares Núñez pódense sintetizar as inquedanzas artísticas e culturais da súa época: foron músicos, escritores, poetas, defensores e descubridores do galego como lingua culta, verdadeiros precursores e protagonistas do Rexurdimento. 

O traballo de Pablo Bernárdez e Hortensia Fernández vén ser unha visita, a través da música, á Casa Grande de Vilancosta, na parroquia de Berres (A Estrada), da familia Valladares ao longo do século XIX. Esa música que, en partituras, moitas delas manuscritas, souberon preservar os herdeiros. 

Cunha finalidade divulgativa, o libro presenta textos alusivos á biografía dos compoñentes máis destacábeis da familia, e cada texto asóciase a unha peza musical e a unha ilustración. As pezas musicais son accesíbeis mediante descarga a partir dun QR, tanto en formato de audio, arranxadas e gravadas para a ocasión, como en PDF para as súas letras e partituras. 

O xermolo do libro parte do Proxecto Valladares, que o autor, xunto con Rubén Servide e Cibrán Seixo, inicia en 2021 para dar a coñecer a música da familia Valladares Núñez. 

A obra completa as publicacións dedicadas á familia, xunto coa primeira novela publicada en galego Maxina ou a filla espuria. A edición deste libro foi  recoñecida Ministerio de Cultura como unha das mellores publicacións do ano na categoría de Facsímiles. 

Comentarios