Onte presentouse a programación do Día das Letras Galegas 2023, que chegan á súa 60 edición rendéndolle homenaxe ao tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego.
A programación contempla a celebración de máis dun cento de actos. Exposicións como a mostra itinerante Cos ollos do espírito; a obra de teatro A viaxe feliz de Ramón Sanfiz, da compañía Fantoches Baj; contacontos como Un día para as Letras: Pequena biografía ilustrada de Francisco Fernández del Riego, a cargo de Polo Correo do Vento; a 41 edición do festival Festiletras, en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal; ou programas especiais na CRTVG, lembrarán ao que foi o promotor da celebración do Día das Letras que agora se ocupa da súa obra.
Entre Lourenzá e Vigo
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, anunciou que a institución editará as cartas que intercambiaron Ramón Otero Pedraio e Francisco Fernández del Riego, que verán por fin a luz pública nunha edición ao coidado de Patricia Arias Chachero.
As últimas investigacións centradas na figura, na obra e no tempo de don Paco terán como punto de encontro o simposio que a RAG organizará, como xa é tradición, no outono.
Entre outras actividades, a RAG, presentará unha biografía teatralizada de Eva Mejuto, As cousas de don Paco, e exhibirá a curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa, baseada nunha idea orixinal de Fina Casalderrey coa que a RAG inaugura un novo espazo para a divulgación da lingua e da cultura galegas. Lourenzá, localidade de nacemento do homenaxeado, será o escenario do pleno extraordinario do Día das Letras Galegas mentres que Vigo, acollerá, entre outras iniciativas, un acto literario que organiza a Real Academia Galega co Concello de Vigo e a Fundación Penzol.
O Consello da Cultura Galega, pola súa parte, anunciou a edición facsimilar da obra Na espera do amigo, publicada en Vigo por Edicións Aguatinta (1994), cunha ilustración de Laxeiro.
O CCG organizará en novembro, en Lourenzá,unha mesa redonda sobre as relacións de Fernández del Riego coa emigración galega e o seu papel como colaborador nas publicacións da colectividade galega en América.
Ademais, na 13 edición do Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o 16 de maio no Teatro Afundación Vigo, o compositor vigués Brais González Pérez estreará unha Sinfonietta sobre textos de Xaime Illa Couto e Salvador García Bodaño dedicados a Francisco Fernández del Riego.