Contracultura

Mon Devane: "Quixen mesturar a cerámica tradicional galega cos xoguetes art toys de comezos do 2000"

Mon Devane, muralista, firma a imaxe do 28º Ourense Film Festival cunha figura que une a tradición da cidade co cine e vai máis aló do bidimensional, converténdose tamén no trofeo que se outorgará na competición das curtametraxes galegas.
O artista Mon Devane fronte a un dos seus murais en homenaxe a Rafael de Vega, en Lugo (Foto: Marín Blanes).
photo_camera O artista Mon Devane fronte a un dos seus murais en homenaxe a Rafael de Vega, en Lugo. (Foto: Marín Blanes)

—Cal foi o proceso até chegar á proposta final para o Ourense Film Festival?
Cada ano o comité do festival conta con artistas locais para facer o cartel. O ano pasado ofrecéronmo a min e a verdade eu quedei encantado porque nos últimos anos houbo moito nivel, como Isabell Seidel ou David Rubín, e estar no medio deses nomes é unha oportunidade moi interesante. Durante os primeiros meses, despois de que me contactaran, estiven tratando de atopar algún concepto ou fío condutor que fora similar ao meu traballo tradicional, ben en pintura ao óleo ou en spray.

Con todo, nese momento tamén estaba bastante metido no mundo da representación da cerámica, inspirándome moito no mundo de Sargadelos ou doutras compañías de cerámica tradicional galega. Comecei a pintar cadros representando estas figuras, mais chegou un punto no que xuntei este aspecto coa inspiración que vén do mundo dos art toys, estes xoguetes coleccionábeis que se puxeron de moda a comezos dos 2000 e que agora xa se atopan a nivel industrial cos Funko.

Apetecíame moito fusionar estes dous campos e pensei que esta sería unha boa oportunidade para desenvolver a miña propia peza, polo que contei coa axuda de Rafa Jurado, un tatuador de Ourense que modela moi ben en dixital. Paseille os meus bosquexos e el encargouse de toda esa parte, xa que eu non controlo eses softwares, e así fomos imprimindo os prototipos. 

—Como se converteu nun dos trofeos?
O certo é que en canto viron un dos prototipos xa se deron conta de que tiña posibilidades máis aló do cartel. Gustoume moito a idea porque eu inicialmente xa quería que non fora algo que quedara nun cartel que simplemente se reproducira unha e outra vez. 

De feito, antes de chegar a esta última idea, o boneco simplemente ía servir para facerlle unha foto e representalo nun cadro, mais tiña ese problema: volvía ao mesmo, a facer unha figura en dúas dimensións, e perdía todo o aspecto interactivo. Por iso tamén tiven a idea de que podíamos facer varias versións do cartel, xogar co boneco e facer que mirara para un lado nalgunhas versións e para outro noutras. 

Así, ás persoas que o visen tamén lles crearía esta sensación de que é un personaxe, case unha mascota, para o festival. 

—E case paralelamente tamén inaugurou o mural A Gaiteira Real, de 22 metros de alto, na entrada da cidade. 
Como muralista xa tiña moitas ganas de facer algo na miña cidade, porque non hai nada así de gran formato que sexa contemporáneo. Hai un par de murais, mais xa teñen 30 anos e non están tan ligados ao muralismo actual. Hai dous anos fixen un chamamento público para saber se a veciñanza quería ceder as súas fachadas porque había a idea de levar algo así a cabo co Concello, mais quedou parado e eu quedei con varias propostas de espazos.

Tiña claro que quería que esta fora a primeira por onde está situada: é un muro moi visíbel para a xente que chega á cidade, tanto para quen vive nela como para quen vai de visita. Finalmente falei coa Deputación de Ourense para lograr o financiamento e decidinme por representar a Real Banda de Gaitas porque leva paseando o nome da cidade por todo o mundo durante moitos anos.

É algo icónico. Ademais, quixen representala a través dunha rapaza nova porque tamén é o futuro: gústame moito xogar cos contrastes entre algo que aparentemente é moi tradicional cunha técnica moi contemporánea, así como a figura dela e as tatuaxes que lle incorporei nas mans. Agora mesmo hai unha tendencia na Galiza a nivel artístico de fusionar estas cousas que serve para recuperar moito da tradición, como fan por exemplo Baiuca ou Tanxugueiras. E ao final é o que leva tamén a que esta recuperación da nosa identidade funcione e a que artistas da Galiza teñan máis recoñecemento do acostumado no Estado español.  

Comentarios