A novela sentimental de Paco del Riego

Ramón Nicolás pon o foco nunha autoficción de Del Riego que non chegou a publicarse centrada nos primeiros anos da súa relación con Evelina Hervella: "Sempre nun segundo plano, aquí cobra realce e relevancia como a compañeira que foi"
Fernández  del Riego e a súa dona, Evelina Hervella na década de 1950.
photo_camera Fernández del Riego e a súa dona, Evelina Hervella na década de 1950.

O crítico e académico correspondente Ramón Nicolás, deu a coñecer onte, no marco das xornadas sobre a vida e obra de Franciso Fernández del Riego organizadas pola Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá, unha novela inédita do autor que constitúe unha autoficción sobre os primeiros anos da súa relación coa súa dona, Evelina Hervella.

Nicolás falou desta obra narrativa, carente de título e custodiada no arquivo do autor, que constitúe unha autoficción que xira arredor da súa relación coa súa dona, Evelina Hervella. A moza valdeorresa licenciada en Farmacia coa que casou en 1940 sería a súa compañeira de vida ata a morte dela no ano 2007. 

"É un texto interesante que completa os seus escritos memorialistas porque, alén de ofrecer datos novos que completan a súa biografía persoal, focaliza boa parte desas experiencia na figura de Hervella. Sempre nun segundo plano, aquí cobra realce e relevancia como a compañeira que foi de Del Riego e que, probabelmente o salvou dunha condena aínda maior que a que supuxo a guerra a través da compaña e o do amor", comparte Nicolás. 

Como na súa única novela publicada, O cego de Purmadedón, Del Riego abraza neste orixinal, de 13 capítulos desenvolvidos en 51 páxinas, a chamada literatura do eu. “Aquí fala, de novo, outro álter ego, de nome Nucho, hipocorístico de Marcelino Solovio nunha, outra vez, inequívoca homenaxe ao personaxe de Adrián Solovio da novela oteriana Arredor de si.

O círculo temporal vai de 1913, data do seu nacemento, ata 1941-42, cando se instala en Vigo coa súa dona Evelina Hervella, e o relato constitúe un sorprendente ‘periplo sentimental’, tal como el mesmo nomea, noutras palabras de recendo lírico que sentencia na dedicatoria: unha ‘paisaxe arrincada á alma polos bicos amorosos da ilusión’. Dedicatoria, por certo, na que inclúe o comezo da súa redacción: ‘Nos finais de 1938, segundo da guerra’”, detalla Ramón Nicolás. 

Percorrer as páxinas deste orixinal inédito -valora o investigador- fai posíbel un recoñecemento minucioso dos primeiros tempos da relación de Fernández del Riego e Evelina Hervella, convertida nesta páxinas en Eve Sorrosal. E, ao mesmo tempo, posibilita o acceso a interesantes reflexións ou autorreflexións que o autor non empregaría posteriormente noutras obras.

Comentarios