Del Riego na Editorial Galaxia: construír un universo galeguista a través da cultura

O 25 de xullo de 1950, celebrábase, nos baixos do Hotel Compostela en Santiago, a asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Dos pasos previos, con Francisco Fernández del Riego desenvolvendo un papel fundamental, na procura de subscricións para o proxecto, e da creación de Grial e das distintas coleccións escribe Malores Villanueva, que afonda no incansábel labor en Galaxia do homenaxeado no Día das Letras Galegas.
Francisco del Riego paseando pola praia de Panxón (Nigrán), en 1988 (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)
photo_camera Francisco del Riego paseando pola praia de Panxón (Nigrán), en 1988 (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)

Nunha maleta agochou Francisco Fernández del Riego toda a documentación política do Partido Galeguista: as cartas con Castelao ou os números da revista Roteiro, aquel semanario que el mesmo facía a máquina a mediados dos anos corenta. Por entón, tiveran a ilusión de reorganizarse politicamente, crendo que a ditadura non se asentaría. O soño esnaquizouse en 1947, cando prenderon a Ramón Piñeiro, quen alerta a Del Riego do perigo de gardar documentación comprometida. Será nese momento en que decide enterrar na horta da casa da nai, no monte Castro, aquela maleta coa que soterra tamén as súas ilusións políticas e as da súa xeración.

Non foi doado seguir adiante, pero entenderon que era o momento de restaurar o proceso cultural que a guerra interrompera drasticamente e facer de ponte coa Xeración Nós. Daquela Xaime Isla e Francisco Fernández del Riego traballaban man a man no suplemento sabatino do xornal La Noche e, ao tempo, argallaban a fórmula para botar a andar unha editorial. Un proxectista e un executivo, Xaime e Paco, dous homes aos que se lles debe que o 25 de xullo de 1950, nos baixos do Hotel Compostela en Santiago, se celebrase a asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Os dous entenderon que debían buscar unha figura de consenso para exercer a presidencia e coincidiron en que fose Ramón Otero Pedrayo, o último presidente do Seminario de Estudos Galegos. 

Na busca de apoios

Xa un ano antes iniciaran a captación de accionistas e Del Riego redactara o “Prospecto de fundación”, que distribuíron para dar a coñecer o novo proxecto. Ao tempo, buscaron persoas que se subscribisen aos libros e, tan só nun ano, conseguiron ao pé de cincocentas, o que facía viable comezar coa empresa. Así se escriturou, como unha Sociedade Mercantil Anónima “que terá por ouxeto a edición de libros, revistas e demais pubricacións, a sua exportación, espallamento e venda e calisqueira outras aitividades afíns”. 

Para a ocasión, Xaime Isla redactou os Estatutos en galego, amparándose nun regulamento vixente da República que permitía escriturar este tipo de documentación nas dúas linguas. A vicepresidencia exerceuna Gómez Román; a secretaría, Fernández del Riego; Isla Couto, conselleiro-delegado; Xesús Ferro Couselo, Sebastián Martínez-Risco e Antonio Fernández López, vogais.

[Este é un extracto do texto que se publicará no SERMOS GALIZA ESPECIAL FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO o 13 de maio. Para ler o artigo íntegro, compra Nós Diario nos puntos habituais de venda este sábado]
 

Comentarios