Del Riego nos días de combate político republicano: o activismo desde 1932 até o golpe de estado

Da intensa actividade na defensa dos intereses estudantís durante os anos na universidade ás principais liñas ideolóxicas que se extraen das colaboracións xornalísticas. Ramón Nicolás fai unha incursión no activismo de Francisco Fernández del Riego durante o período republicano.
Del Riego na súa etapa de estudante de Dereito en Compostela, en 1933 (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)
photo_camera Del Riego na súa etapa de estudante de Dereito en Compostela, en 1933 (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)

Se o perfil como forza motriz, como activista, como inspirador e ideólogo de tantos proxectos que se converteron en realidade ao longo da dilatada biografía de Del Riego é incontestable, só atopo a cualificación de fascinante para o período do incansable traballo que levou a cabo, a grandes trazos, no período republicano.

As razóns da devandita afirmación non son gratuítas. Para testemuñalo cómpre asomarse aos seus dous libros de memorias que recollen os principais acontecementos que protagonizou e viviu tanto desde abril de 1931 -a proclamación da República coincide mentres cursa primeiro de Dereito na Universidade de Madrid, inmerso xa nunha actividade intensa na defensa dos intereses estudantís- como, desde setembro dese ano, xa asentado en Santiago de Compostela.

Outra posibilidade é a de rastrexar e ler a monumental obra xornalística -en boa parte recollida e presentada estes días nunha edición de Justo Beramendi baixo o título de Loitando pola Galicia que non foi- que confirma esta actividade incesante que levou a cabo en numerosas cabeceiras da prensa e revistas no período republicano, como colaborador mais tamén como importante protagonista da ilusionante política do galeguismo daqueles tempos.

Activismo universitario

Alén dun breve achegamento ás principais liñas de sentido que se poden obter das súas colaboracións xornalísticas e que nos ocuparán máis adiante, gustaría de sinalar algúns datos, talvez pouco difundidos, que axudan a trazar máis cabalmente o papel que desenvolveu no ámbito tanto do nacionalismo político como do activismo universitario.

Nesta última dimensión, alén da súa pertenza á cúpula organizativa da Federación Universitaria Escolar ou o seu discurso de apertura do curso 1933-34 que titula “La universidad gallega ante el momento actual” onde reclama a galeguización da universidade malia estar obrigado a realizalo en castelán, hai un capítulo pouco coñecido que revela o espírito combativo de Del Riego: cunha apreciación pouco concreta, el mesmo afirmaba nos seus libros de memorias que se responsabilizaba da sección das “Crónicas universitarias” -por veces epigrafadas “Scholarum” ou “La Universidad Gallega”-e que publicaba, cunha periodicidade irregular pero constante, desde probablemente o ano 1932 en El Pueblo Gallego-.

 

[Este é un extracto do texto que se publicará no SERMOS GALIZA ESPECIAL FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO o 13 de maio. Para ler o artigo íntegro, compra Nós Diario nos puntos habituais de venda este sábado]
 

Comentarios