Estas son as actividades para "pensar o mundo a través da obra" de Luísa Villalta polas Letras Galegas

A Real Academia Galega presentou esta terza feira as as principais iniciativas que desenvolverá arredor do Día das Letras Galegas que lle dedica a Luísa Villalta no seu vixésimo cabodano. Destacan unha webserie documental, unha pequena biografía sobre a homenaxeada para o público infantil, e o pleno extraordinario e público que se celebrará na Coruña, a "Cidade Alta" de Villalta.
Luísa Villalta (Foto: Xosé Abad).
photo_camera Luísa Villalta. (Foto: Xosé Abad)

A Real Academia Galega (RAG) presentou esta terza feira as principais iniciativas que desenvolverá arredor do Día das Letras Galegas que lle dedica este ano a Luísa Villalta no seu vixésimo cabodano. Villalta foi "unha escritora «esixente e intelixente que soubo situarse na emoción e na ambición expresiva a través de diversos xéneros", sinalou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na presentación da programación da Academia arredor da gran festa da cultura galega.

Marilar Aleixandre, directora da Sección de Literatura da RAG, engadiu que a fin última é do vindeiro 17 de maio é que o público lea a Luísa Villalta, cuxa escrita constitúe "unha ferramenta para pensar o noso mundo", nun acto no que tamén interviñeron María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá respectivamente da homenaxeada.

Unha fiestra ao universo Villalta

A RAG abriu o pasado 5 de xaneiro a sección das Letras Galegas 2024 en academia.gal cunha completa biografía asinada pola poeta, xornalista e académica Ana Romaní, compañeira de xeración de Luísa Villalta. Este espazo servirá de escaparate para os distintos contidos que a institución creará sobre ela e farase tamén eco doutras iniciativas para proxectar o seu legado.

Unha das primeiras estreas será a da nova edición da web para o público infantil Primavera das Letras, que acollerá unha historia sobre Luísa Villalta, Violino, Inglesas e o libro xigante, que ten como narradores o violín da homenaxeada e a guitarra de Rosalía de Castro. Os autores son o académico correspondente Xoán Babarro e Ana María Fernández, gañadores de premios como o Barco de Vapor e o Lazarillo. Lévaa á linguaxe plástica Óscar Villán, distinguido co Premio Nacional de Ilustración.

O proxecto para a cativada -que inclúe tamén actividades interactivas e outras propostas lúdicas- será presentado a finais de febreiro en Sada da man da comunidade educativa do CEIP Sada y sus Contornos e unha representación do IES Isaac Díaz Pardo, onde Luísa Villalta exerceu como docente de Lingua e literatura galegas dende o ano 1991 até a súa morte.

Será pouco despois cando se estree a serie web que está a realizar Miramemira, na que se vai tecendo un relato sobre a vida e a obra de Luísa Villalta a través dos testemuños de familia, amizades, creadores e creadoras e voces estudosas do seu legado como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar García Negro, Alexandrina Fernández Otero, Armando Requeixo, Xosé Luís Martínez Pereiro ou Inma Otero Varela. O documental de seis episodios, dirixido por Damián Varela e guionizado por Alba López, será unha das apostas destacadas da institución para celebrar e divulgar a personalidade de Villalta.  

A Coruña como espazo literario 

O documental, que poderá verse en academia.gal, en Youtube e na TVG, arrinca coa infancia e os anos de formación da autora e prosegue poñendo o foco no seu mundo poético e o resto da súa produción literaria, a importancia da música na súa vida (era titulada superior en violino e formou parte da Orquestra de Santiago e posteriormente da Xove Orquestra da Galiza), o seu fondo compromiso cívico e o seu labor como docente. Conclúe cun derradeiro episodio sobre A Coruña no seu legado literario, cidade que deixou pegada especialmente no poemario premiado pouco antes do seu pasamento e editado postumamente, En concreto (2004), e mais Papagaio (2006). Neste último volume Villalta escribiu poemas que falan da violencia sexual e a especulación urbanística en diálogo coas fotografías nas que Maribel Longueira deu conta do derrubamento das vellas casas de prostitución do barrio que lle deu título. 

A Coruña será tamén o escenario central do 17 de maio. A RAG celebrará na "Cidade Alta" de Luísa Villalta, onde a creadora naceu en 1957 e morreu prematuramente, aos 46 anos de idade, o 6 de marzo de 2004, vítima dunha meninxite. As alocucións académicas do pleno extraordinario e público correrán a cargo de Ana Romaní, Margarita Ledo e Manuel Rivas. 

Xa na segunda metade do ano, á volta das vacacións de verán, a Real Academia Galega celebrá un simposio académico no que diversas voces especialistas presentarán distintas lecturas da obra de Luísa Villalta e do seu activismo cívico e cultural. Unha ocasión especial para pensar o mundo actual a través, en palabras de Ana Romaní, dunha "obra marcada pola exploración, o pensamento apaixonado, a procura do rigor".


Feminista, nacionalista, rebelde

"Poeta, música, mais tamén ensaísta, narradora, autora dramática e de artigos nos xornais, intervén nos debates do seu tempo coa palabra e a acción: feminista, nacionalista, rebelde. Na proposta para dedicarlle o Día das Letras, diciamos que empregaba a poesía para pensar o mundo contemporáneo. E o propósito de dedicarlle o 17 de maio é levar a poesía e a escrita de Luísa á rúa, aos institutos, ás prazas como unha ferramenta para pensar o noso mundo", lembrou Marilar Aleixandre.

Comentarios