Xosé Manuel Soutullo, novo director xeral da Editorial Galaxia após a saída de Francisco Castro

Soutullo é actualmente director da Fundación Penzol e conselleiro da Editorial Galaxia, na que desenvolveu unha dilatada vida profesional no ámbito da edición e da produción cultural.
Xosé Manuel Soutullo. (Foto: Galaxia)
photo_camera Xosé Manuel Soutullo. (Foto: Galaxia)

O Consello de Administración da Editorial Galaxia vén de acordar esta sexta feira o nomeamento de Xosé Manuel Soutullo como director xeral após a dimisión de Francisco Castro. Soutullo é actualmente director da Fundación Penzol e conselleiro da Editorial Galaxia, na que desenvolveu unha dilatada vida profesional no ámbito da edición e da produción cultural até febreiro do ano 2021, cando pasou a retiro como adxunto á dirección e responsábel de produción.

Durante a maior parte dun período de máis de corenta anos, a súa función principal na editora consistiu en coordinar os equipos relacionados co departamento de edición —correctores e asesores lingüísticos, deseño, maquetación e preparación de probas— das producións de Galaxia. Realizou estas mesmas actividades para Mar Maior, selo de Galaxia que publicou, principalmente, en castelán e portugués do Brasil.

Tamén para Merlín Comunicación —sección de Galaxia centrada en produtos culturais non bibliográficos— se encargou de labores de dirección, deseño e coordinación centrados fundamentalmente na realización de exposicións. Para ela, coordinou o deseño, produción e montaxe máis de 15 exposicións, entre elas: Fermín Penzol. Unha obra para un país (2013) e Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito (2013).

A partir de 1989, na xeira que se inicia coa dirección de Carlos Casares, fíxose cargo da secretaría de dirección do Consello de Redacción de Grial. Revista Galega de Cultura, continuando no cargo até 2019, durante o período en que dirixiron a revista Víctor Fernández Freixanes e Henrique Monteagudo. Actualmente, forma parte do seu Consello Asesor.

Entre outras actividades, foi membro do Consello Asesor da Fundación Carlos Casares e coordinou para a Fundación Otero Pedrayo numerosas publicacións relacionadas coas personalidades galardoadas co premio Trasalba. Desde decembro de 2017 é membro do Padroado da Fundación Penzol, da que foi nomeado director en xuño de 2021.

Na reunión do 9 de abril de 2022 a Asociación de Premios da Crítica acordou, por unanimidade, convidalo a formar parte dela, o que aceptou decontado. Desde o 17 de xuño de 2022 forma parte do Consello de Administración de Editorial Galaxia.

Comentarios