Análise do sucedido até agora no Mundial de Australia e Nova Zelandia

As seleccións descansan de cara aos cuartos do Mundial
Hinata Miyazawa, con cinco tantos, é a máxima goleadora da Copa. (Foto: EP).
photo_camera Hinata Miyazawa, con cinco tantos, é a máxima goleadora da Copa. (Foto: EP).

O Mundial de Australia e Nova Zelandia afronta hoxe a segunda das dúas xornadas de descanso consecutivas, que aproveitarán os oito equipos clasificados para os cuartos de final (Colombia, Inglaterra, Suecia, Xapón, a anfitrioa Australia, Francia, España e os Países Baixos) para recargar as pilas de cara a un segundo tramo de campionato que promete ser aínda máis intenso.

Sen a presión da actualidade dos partidos agroma a posibilidade de analizar con detalle todo o acontecido até o de agora na Copa do Mundo máis sorprendente dos últimos anos, como demostra a eliminación de seleccións favoritísimas como o Brasil, Alemaña ou os Estados Unidos de América.

Durante o conxunto da primeira rolda e dos oitavos de final anotáronse 145 goles -1,06 por partido-, sendo a máxima realizadora a xaponesa Hinata Miyazawa (5), seguida con catro pola francesa Kadidiatou Diane, a alemá Alexandra Popp e a holandesa Jill Roord.

Con respecto aos remates a porta, producíronse un total de 1.389, sendo o combinado do Estado español o que máis realizou (23,08 de media por encontro). No outro lado da área, as porteiras evitaron 1.415 tantos coas súas intervencións, sendo as máis eficientes as vietnamitas, parando 28,61 goles. Porén, no referente a deixar a súa portería a cero -o cleen sheet que tanto valoran no fútbol inglés- a raíña é Nixeria, que o conseguiu en todos os partidos da fase de grupos.

Medra exponencialmente o valor do fútbol feminino

O fútbol feminino experimentou un crecemento significativo nos últimos anos, con salarios mellorados, premios en metálico, patrocinios e un aumento na asistencia aos estadios. 

Segundo a UEFA, hai 144 millóns de afeccionados e afeccionadas en Europa, e o organismo reitor do deporte rei a nivel continental agarda que  a cifra aumente a 328 millóns para 2033. E en canto ao impacto do fútbol feminino, considera que pode multiplicarse por seis na próxima década, chegando a un valor anual de 686 millóns de euros en 2033.

Non obstante, aínda considerando que está a vivir "un momento histórico", sostén que aínda quedan por diante moitos desafíos por resolver, como "a accesibilidade e o investimento dos patrocinadores".

Comentarios