A Ancares Cycling Marathon estrea percorrido o próximo 11 de agosto

A estrela invitada é Pavel Tonkov, gañador dun Giro.
Efrén Castro. (Foto: EmeSports).
photo_camera Efrén Castro. (Foto: EmeSports).

Os xardíns da Deputación de Lugo acolleron onte a presentación dunha nova edición da Ancares Cycling Marathon, a proba cicloturista que desde 2021 se adentra no corazón desa comarca. 

Efrén Castro, vicepresidente da Deputación provincial, actuou de anfitrión nun acto no que tamén estiveron presentes José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita do Cebreiro; Benigno Gómez, rexedor de Cervantes; Jesús Núñez, alcalde das Nogais; Eva Fernández, concelleira de Xuventude e Asuntos Sociais do concello de Navia de Suarna; Juan Paz, do Clube Ciclista Cidade de Lugo; e o director xeral de EmeSports, a empresa organizadora, Ezequiel Mosquera.

Nesta ocasión, os e as participantes poderán escoller entre tres opcións con distintas distancias. A modalidade de Gran Fondo serán 110 quilómetros cun desnivel acumulado de 3.262 metros, e alí ascenderanse os altos da Campa do Comeal (de terceira categoría), Os Sete Carballos (primeira), A Pintinidoira (primeira) e Villasol (primeira), para rematar subindo ao Cebreiro (segunda).

O Medio Fondo, pola súa parte, terá unha distancia de 81,2 quilómetros, con escaladas á Campa do Comeal, Pintinidoira, Villasol e O Cebreiro. Por último, tamén existe a alternativa do Mini Fondo, con 57,7 quilómetros, pasando por Campa do Comeal, Villasol e O Cebreiro.

A organización non ocultou a súa satisfacción por poder desenvolver un ano máis a proba "logo dos tristes acontecementos do ano pasado, cando foi salvaxemente atropelado o responsábel do Club Ciclista Cidade de Lugo, Santiago Seijas". "Santi puxo a súa vida en perigo para salvar outras moitas vidas, de non ser por el o sucedido sería inda moito máis grave. A mellor homenaxe que podemos facerlle é seguir coa proba", destacou Efrén Castro.

Comentarios