Outro favorito, outra vitoria. Un día despois da exhibición protagonizada pola irrecoñecíbel Italia de Roberto Mancini, Bélxica uniuse ao grupo de principais candidatos ao triunfo final que contan os seus partidos por vitorias logo de sumar o seu segundo triunfo tras superar, non sen dificultades, unha combativa selección de Dinamarca.
A pesar da súa ausencia, a gran figura foi Eriksen, que recibiu unha gran homenaxe por público e xogadores logo do seu accidente cardiovascular, que o obrigará a pasar polo quirófano en vindeiras datas.
Ucraína-Macedonia: vin buscando cobre e topei ouro
Nesta Eurocopa 2021 até os encontros teoricamente menos atractivos, como o Ucraína-Macedonia (2-1), acaban ofrecendo un espectáculo futbolístico máis que satisfactorio.
Na primeira metade os pupilos de Andrii Shevchenko foron moi superiores ao combinado balcánico, chegando ao tempo de descanso cun 2-0 ao seu favor, mais no intermedio, sabendo que non tiñan nada que perder, Angelovski -técnico macedonio- cambiou o sistema, deu entrada aos atacantes Trajkovski e Churlinov e a piques estivo de darlle a volta ao partido.
Porén, a pesar do tanto co que Alioski recortou distancias e da soberbia vaselina do veterano Goran Pandev anulada por fóra de xogo -e na que demostrou que, quen tivo, retivo-, Macedonia do Norte non puido empatar e ten pé e medio fóra da Euro.
'It's coming home?'
Os interesantes Suecia-Eslovaquia (15 horas) e Croacia-República Checa (18 horas) da xornada de mañá quedan totalmente opacados polo Inglaterra-Escocia das 21 horas.
O duelo máis antigo do fútbol mundial volve a unha Eurocopa 25 anos despois do seu último enfrontamento, e o fai cunha Escocia que opta a dar a sorpresa en Wembley, a casa dunha das grandes favoritas ao título continental e no que o seu bo desempeño no primeiro partido levou á afección a volver cantar aquel "Its coming home" que os Three Lions compuxeran para a Euro '96.