a previa

O Celta buscará contra o Alavés en Balaídos rachar coa dinámica de derrotas na casa

Os malos resultados do inicio de tempada obrigan ao Celta a reaccionar. Esta quinta feira, en Vigo, tentará pasar do bo xogo ao bo resultado para sumar os puntos que precisa e deixar a zona de descenso. 
Rafa Benítez con Iago Aspas nun adestramento (Foto: RC Celta).
photo_camera Rafa Benítez con Iago Aspas, nun adestramento. (Foto: RC Celta)

O Celta chega quinta feira á sétima xornada de Liga en postos de descenso e cun dos peores inicios de tempada que se lembran con só catro puntos.

Ademais, faino en Balaídos contra o Alavés (19 horas), nunha situación incómoda por non ter sumado ningún punto no que debería ser un bastión seguro: Vigo. Consciente da situación, o adestrador celeste Rafa Benítez compareceu esta cuarta feira en rolda de prensa nas instalacións do club coa intención de aclarar as dúbidas na previa ao choque co conxunto vasco. 

Sumar máis puntos

O técnico madrileño confirmou, en primeiro lugar, que Carlt Starfet será o terceiro capitán do equipo despois de Iago Aspas e Kevin Vázquez. “Designámolo nós para contar coa súa experiencia mais os xogadores aínda teñen a posibilidade de escoller outro”, explicou Benítez. Alén diso, comunicou que cando remate o compromiso deportivo de hoxe procederase a mudar a herba do campo para evitar que se estenda o fungo que lle afecta.

Contra o Alavés, o conxunto celeste non poderá contar con Franco Cervi, aínda con molestias, como única baixa para o Celta. Benítez, en relación a Carles Pérez, non descarta facer rotacións nos seguintes tres partidos que ten por diante. “Os xogadores teñen que demostrar que están en boa forma, prefiro ter que escoller entre dous que estean moi ben”, apuntou. Neste sentido defendeu tamén casos como o de Aidoo, que agora mesmo non conta para o adestrador por cuestións tácticas.   

“O equipo animicamente está ben, somos conscientes de que a situación na táboa non é moi boa mais non me preocupa, ocúpame”, asegurou Benítez, “contra o Barcelona fixemos un bo partido e fomos o conxunto que máis lle tirou á porta no seu campo nos últimos tres anos”, engadiu. Porén, admitiu que “durante os últimos dez minutos non manexamos o partido e é aí onde temos que medrar”. 

Neste sentido, Benítez defendeu que “non levamos case nin tres meses” e é un proxecto “que transmite boas sensacións desde a pretempada, primeiro cunha liña de catro e agora cunha de cinco”. O problema, para o técnico, son “os erros que tivemos en defensa, temos que aprender”, en relación aos últimos minutos de cada encontro. Por este motivo, considerou que “este é o camiño mais temos que ser máis efectivos para subir na clasificación e que sexa máis fácil afrontar cada semana os compromisos. O equipo vai mellorar”. 

Un Alavés “nada fácil”

Na chegada do Alavés a Balaídos non podía faltar a lembranza da estrea de Iago Aspas no primeiro equipo hai 14 anos. Daquela, o de Moaña salvou ao Celta do descenso e forxou o inicio da súa lenda. “A historia está aí e hai que estar orgullosos dela”, asegurou Benítez, “e quero ver a Iago ver meter goles de novo, é un xogador diferente e hai que coidalo como referente para os rapaces que chegan”, engadiu.

Sobre o equipo vasco esta tempada, o técnico celeste sinalou que é un conxunto “ordenado, intenso e con perigo arriba e nas bandas” polo que augurou que “non será un partido fácil”. Sen dar a coñecer se repetiría equipo hoxe en Balaídos, con Larsen en punta, o técnico aclarou que dependerá do estado de forma dos xogadores. A importancia do choque, para Benítez, está na idea de que “se gañamos daranos moita confianza” polo que "precisamos todo o apoio da nosa afección". 

Xornada de fin de semana

Para seguir o fútbol galego nas outras categorías haberá que agardar á fin de semana. O primeiro compromiso será na Primeira RFEF para o CD Lugo este sábado (Ángel Carro, 19 horas). A xornada do domingo completarase cos encontros como visitantes entre Fuenlabrada-Dépor (Estadio Fernando Torres, 12 horas), Barça Atlétic-Celta Fortuna (Estadi Johan Cruyff, 17 horas) máis o partido no Carballiño do Arenteiro-Tarazona (Espiñedo, 19 horas). 

A visita do Dépor a Fuenlabrada non pasou desapercibida no calendario e continúa a dar que falar. Aínda que pasaron algúns anos, na memoria da afección deportivista non se esquece o acontecido en 2020 co famoso caso ‘Fuenlagate’. Nesta ocasión, a noticia está en que o club madrileño non vendeu entradas á afección do equipo herculino polo que non haberá presenza galega nas bancadas. O motivo, segundo manifesta a entidade local, é a imposibilidade de poder abrir a zona dedicada aos equipos visitantes no estadio Fernando Torres por atoparse en obras de ampliación.

Imanol Idiakez, após o día de descanso da terza feira, subiu onte a intensidade do traballo na Cidade Deportiva de Abegondo cunha activación con rondos. Na comparecencia da previa diante a prensa, Paris Adot subliñou a importancia do aspecto defensivo "e ter a portería a cero". O xogador herculino explicou que  "o míster está a incidir niso. Hai que traballar os aspectos defensivos para encaixar os menos goles posibles e así estar máis preto da vitoria". En relación á participación da canteira, sinalou que están "moi ben, e iso é o importante, xente nova con ganas de achegar".

Comentarios