O Celta solicita “depurar as responsabilidades” de Luis Rubiales

O club vigués pide que os organismos competentes actúan “sen dilación”

O ex presidente do RC Celta, Carlos Mouriño. (Foto: RC Celta).
photo_camera O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, intervén durante o acto do club polo seu centenario na Cidade Deportiva Afouteza, en Mos (Foto: RC Celta).

O Celta de Vigo emitiu esta sexta feira, 25 de agosto, un breve comunicado no que solicita “aos organismos competentes” que actúen “sen dilación para depurar as responsabilidades do presidente da Real Federación Española de Fútbol  (RFEF), Luis Rubiales”, logo de que este declinara presentar a súa renuncia ao cargo.

Durante a Asemblea extraordinaria da RFEF Rubiales anunciou que non dimitirá e durante o seu discurso xustificou as súas accións durante o mundial de Fútbol, reiterando que o bico a Jenni Hermoso foi “totalmente consentido”.

"Aínda que se estea vendendo outra cousa, non hai desexo e non hai posición de dominio [no bico]. Aínda que se estea vendendo outra cousa en moitos dos medios, tanto os que están dominados ou vendendo pleitesía ao señor Tebas, como os que están a render pleitesía ao falso feminismo, que é unha gran plaga neste país. Foi un bico espontáneo, mutuo, eufórico e consentido, que esta é a chave, esta é a chave de todas as críticas", explicou Rubiales durante a Asemblea Xeral Extraordinaria da RFEF.

"Jenni dixo que era unha anécdota e demais. Da anécdota, do non pasa nada, empezan todas estas presións, pásase ao silencio da xogadora e despois a un comunicado que a verdade eu non termino de entender. Aquí non se está tratando de facer xustiza, iso é falso, está a executarse un asasinato social a min, estáseme tratando de matar", denunciou Rubiales.

O Celta considera que, “polo ben do fútbol” e pola defensa “dos valores do noso deporte” os organismos capacitados “deben actuar o máis axiña posíbel” para destituír o presidente da RFEF.

Comentarios