Jenni Hermoso, sobre o bico non consentido de Rubiales: "Sentinme vulnerábel e vítima dunha agresión"

A dianteira da selección denuncia presións da RFEF para que fixese declaracións diferentes, dentro da "cultura manipuladora, hostil e controladora" de Rubiales

Jennifer Hermoso. (Foto: AFP7 Europa Press)
photo_camera Jennifer Hermoso. (Foto: AFP7 / Europa Press)

A dianteira da selección española Jenni Hermoso explicou a súa necesidade de saír ao paso dunha "cultura manipuladora" instaurada polo presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales. Hermoso afirma sentirse "vítima dunha agresión" tras un bico "sen ningún tipo de consentimento", denunciando ademais presións da Federación para cambiar o seu relato.

Hermoso negara esta mesma sexta feira ningún tipo de "consentimento" no bico que lle deu Rubiales na celebración do título mundial o pasado domingo, a través dun comunicado da Asociación de Futbolistas Profesionais (FUTPRO), pero pouco despois lanzou un comunicado a nivel persoal.

A internacional volveu desmentir as palabras dun Rubiales que, pola mañá na Asemblea Extraordinaria na Cidade do Fútbol na que se negou a dimitir ante o cerco político e social, reproduciu unha conversa con Hermoso sobre o bico. "Eu díxenlle, un piquito e ela díxome, vale", afirmou o dirixente.

Hermoso negou dito consentimento en dúas ocasións esta sexta feira, aínda que no seu comunicado confesou que non quere "interferir cos múltiples procesos legais en curso". "Síntome obrigada a denunciar que as palabras do Sr. Luis Rubiales explicando o desafortunado incidente son categoricamente falsas e parte da cultura manipuladora que el mesmo xerou", apunta.

Situación de shock

"Aclaro que en ningún momento se produciu a conversación á que o Sr. Luis Rubiales fixo referencia e que, nin moito menos, o seu bico foi consentido. Da mesma maneira quero reiterar como xa fixen no seu momento que este feito non foi do meu agrado. A situación provocoume un shock polo contexto de celebración, e co paso do tempo e tras profundar un pouco máis nesas primeiras sensacións, sinto a necesidade de denunciar ese feito", engade.

"Considero que ningunha persoa, en ningún ámbito laboral, deportivo ou social debe ser vítima deste tipo de comportamentos non consentidos. Sentinme vulnerábel e vítima dunha agresión, un acto impulsivo, machista, fóra de lugar e sen ningún tipo de consentimento pola miña banda", insiste.

A dianteira do Pachuca mexicano denunciou ademais que desde a RFEF premeron para "rebaixar a presión sobre o presidente", centrada nun principio en celebrar o histórico título logrado na final contra Inglaterra. "A pesar da miña decisión, teño que manifestar que estiven baixo unha continua presión para saír ao paso con algunha declaración que puidese xustificar o acto do Sr. Luis Rubiales", lamenta.

"Non só iso, senón que, de diferentes maneiras e a través de diferentes persoas, a RFEF premeu a miña contorna (familia, amigos, compañeiras etc.) para que dese un testemuño que pouco ou nada tiña que ver coas miñas sensacións", engade Hermoso.

Unha selección campioa do mundo non merece “unha cultura tan manipuladora”

Hermoso apuntou que unha selección campioa do mundo non se merece "unha cultura tan manipuladora, hostil e controladora". "Este tipo de incidentes únense a unha longa lista de situacións que as xogadoras viñemos denunciando nos últimos anos polo que este feito, no que eu me vin involucrada, é só a pinga que colma o vaso e o que todo o mundo puido ver, pero actitudes como esta foron parte do día a día da nosa selección durante anos", lembra.

Por último, a dianteira da selección, impulsada polo apoio de todas as súas compañeiras, "as xogadoras de España e do mundo", mostrouse firme na súa posición de denunciar a actuación de Rubiales. "Quero reforzar a posición que tomei desde o principio, considerando que non teño que apoiar a persoa que cometeu esta acción en contra da miña vontade, sen respectarme, nun momento histórico para min e para o deporte feminino deste” Estado, di.

"En ningún caso pode ser a miña responsabilidade asumir as consecuencias de transmitir algo no que non creo, razón pola que me neguei ás presións recibidas. Quero fechar deixando moi claro que aínda que son eu a que expresa estas palabras son todas as xogadoras de España e do mundo as que me deron a forza para saír con este comunicado", termina, lembrando a decisión exposta xa no comunicado de FUTPRO de non volver á selección "mentres continúen os actuais dirixentes".

Comentarios