Luis Rubiales, inhabilitado durante tres anos pola FIFA

O organismo reitor do fútbol mundial reitera o seu "compromiso absoluto de respectar e protexer a integridade de todas as persoas, e de velar por que se respecten as normas básicas da conduta cívica".
Luis Rubiales abandonando a sede da Audiencia Nacional após a súa declaración ante o xuíz, o pasado 15 de setembro. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
photo_camera Luis Rubiales abandonando a sede da Audiencia Nacional após a súa declaración ante o xuíz, o pasado 15 de setembro. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

A Comisión Disciplinaria da FIFA vén de anunciar a inhabilitación durante os próximos tres anos de Luis Rubiales, ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), após o escándalo do seu bico forzado á futbolista Jennifer Hermoso na final do Mundial de Australia o pasado 20 de agosto, uns feitos polos que está a ser xulgado na Audiencia Nacional por un presunto delito de agresión sexual.

Con esta resolución do organismo internacional do fútbol, Rubiales queda suspendido de todas as actividades relacionadas co deporte rei a nivel estatal e internacional, ao entender que infrinxiu o artigo 13 do regulamento disciplinario da FIFA. O ex dirixente do fútbol español xa fora suspendido cautelarmente durante un período inicial de 90 días.

A notificación da sanción chegoulle esta mesma segunda feira ao propio Rubiales, quen, ao abeiro do estipulado no Código Disciplinario da FIFA, dispón de dez días para solicitar a decisión fundamentada. Aliás, poderá recorrer a inhabilitación ante a Comisión de Apelación da institución.

"A FIFA reitera o seu compromiso absoluto de respectar e protexer a integridade de todas as persoas, e de velar por que se respecten as normas básicas da conduta cívica", concluíu o organismo reitor do fútbol mundial, a través dun comunicado remitido aos medios.

"Non me sentín respectada"

Na súa intervención en sede xudicial, Jenni Hermoso ratificou que o bico de Rubiales non foi consentido, e que nese momento non se sentiu "respectada" como persoa e futbolista. "Estaban a someterme a algo que eu en ningún momento busquei, nin fixen para atoparme con esa situación", defendeu.

Segundo desvelou Telecinco algo que logo criticou Hermoso—, a xogadora narrou o momento no que recibiu o bico despois de a seleccións española gañase o Mundial. Segundo o seu relato, abrazouse con Rubiales e afirmou: "A que liamos!". Despois, el deu un brinco sobre ela e dixo: "Este Mundial gañámolo grazas a ti".

Comentarios