O Torneo Eixo Atlántico de Hóckey a Patíns revoluciona A Coruña

O Pazo de Riazor recibe até 12 conxuntos galegos e lusos.
Os competidores infantís serán os protagonistas. (Foto: Eixo Atlántico).
photo_camera Os competidores infantís serán os protagonistas. (Foto: Eixo Atlántico).

A Coruña reivindica a súa condición de capital galega do hóckey a patíns acollendo unha  nova edición, a undécima, do Torneo do Eixo Atlántico, un certame destinado a participantes da categoría infantil que reunirá no Pazo de Deportes de Riazor e o Polideportivo de Monte Alto até 12 equipos galegos e portugueses ao longo de toda esta fin de semana.

Deste modo, este sábado, 25 de novembro, disputarase a primeira fase, que enfrontará os equipos dos catro grupos resultantes dun sorteo que encadrou Hóckey Clube de Barcelos, Big Mat Crea Escola Lubiáns de Carballo e Club Hóckey Compostela no Grupo 'A'; Compañía de María da Coruña, Famalicense de Vila Nova e Hóckei Clube da Maia no 'B'; Associaçao Desportiva de Valongo, Hóckey dos Carvalhos de Vila Nova de Gaia e os anfitrións do Deportivo Liceo no 'C', fechando o cadro no 'D' Dominicos e Santa María do Mar da Coruña xunto coa  Associação Cultural e Desportiva Gulpilhares de Vila Nova de Gaia. 

Os primeiros clasificados de cada un deles accederán a unha final four que se levará a cabo mañá no Pazo dos Deportes, mantendo, iso si, o formato de partidos de 20 minutos cos que se disputará a primeira fase. 

Barça-Liceo, novo capítulo do gran clásico

O Palau Blaugrana escribirá desde as 17.15 horas deste sábado un novo capítulo do libro dos clásicos do hóckey sobre patíns.

Nesta ocasión a balanza semella moito máis desequilibrada a prol da escuadra barcelonesa que en anteriores tempadas, pois ao feito de xogar na casa e á habitual regularidade dos cataláns -que só cederon un empate no que vai de torneo- súmase que o Liceo non acaba de dar coa tecla despois da profunda reestruturación que acometeu a finais da pasada campaña. 

Comentarios