A vítima de Dani Alves ratifica a súa versión no primeiro día do xuízo

Unha amiga salienta a actitude "babosa" do xogador.
O xogador, ante a Audiencia de Barcelona. (Foto: EP).
photo_camera O xogador, ante a Audiencia de Barcelona. (Foto: EP).

A moza que denunciou o futbolista Dani Alves por agredila sexualmente no lavabo dunha discoteca ratificou a súa versión onte no primeiro día dun xuízo que ten lugar na Audiencia de Barcelona.

Esta declaración durou aproximadamente unha hora e cuarto, e fíxose a porta fechada -o tribunal obrigou a saír da sala a xornalistas e familiares do ex xogador do Sevilla, o Barcelona e a selección brasileira- e con voz e imaxe distorsionadas para preservar a súa intimidade.

Inmediatamente despois compareceu unha amiga da denunciante que estivo de festa na discoteca Sutton da Cidade Condal xunto con ela e coa súa curmá na noite en que a primeira foi agredida sexualmente.

A compañeira da vítima afirmou que notou en Alves unha "actitude babosa", explicando que no momento en que o saudou con dous bicos, el baixou a man polas súas costas "case" tocándolle o cu. Ademais, tamén indicou que a súa curmá dixo que sufrira tocamentos do brasileiro.

Pouco despois, o lateral dereito foi cara unhas escaleiras, onde ela non sabía que había un cuarto de baño, e a vítima foi tras el; minutos máis tarde recibiu unha mensaxe de texto no que a súa curmá dicía que "algo malo pasara" e que a vítima necesitaba saír de alí.

Despois de escoitar os detalles do acontecido, a muller apostilou que "non soubo" como reaccionar, só "chorar con ela", ao mesmo tempo que os traballadores da discoteca activaban o protocolo de agresións sexuais.

"Custou horrores que denunciara, non quería, porque estaba en shock e en todo momento repetía que non a ían crer", engadiu, resaltando que a súa amiga está en tratamento psicolóxico desde que sufriu a agresión e psiquiátrico desde que a nai de Alves publicara imaxes dela nas redes sociais.

Comentarios