Xustiza

O xuíz entende que o bico de Rubiales non foi consentido e levarao ao banco de acusados con Jorge Vilda

O maxistrado da Audiencia Nacional Francisco de Jorge propón tamén xulgar o director deportivo da selección masculina, Albert Luque, e o ex responsábel de márketing da Federación, Rubén Rivera, polas presións posteriores a Jennifer Hermoso.
O ex presidente da RFEF, Luis Rubiales, durante unha rolda de prensa cando aínda estaba no cargo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex presidente da RFEF, Luis Rubiales. (Foto: Europa Press)

O xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge propón xulgar o ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, ao considerar que o bico que propinou á futbolista Jennifer Hermoso na final do Mundial do pasado ano "non foi consentido", e que o ex dirixente actuou de forma "unilateral e sorpresiva".

Nun auto coñecido esta quinta feira, o titular do Xulgado Central de Instrución Número 1 asegura que "as presións ás que se someteu á xogadora crearon" na futbolista da selección española feminina "unha situación de ansiedade e intenso estrés".

Ademais da Rubiales, o maxistrado tamén propón enviar ao banco de acusados o director deportivo da selección masculina, Albert Luque; o ex adestrador da selección feminina, Jorge Vilda, e o ex responsábel de márketing da Federación, Rubén Rivera, polas presións posteriores ás que se someteu á xogadora para que accedese a realizar unha manifestación pública en defensa do presidente da RFEF afirmando que o bico fora consentido.

O xuíz instrutor investigaba Luis Rubiales polos delitos de agresión sexual e coaccións. Ao resto, ademais, imputaba os delitos de coaccións á xogadora unha vez transcendido o escándalo.

Comentarios