Abanca paga o dobre en Madrid que na Galiza por domiciliar ingresos

As entidades financeiras lánzanse a captar nóminas con agresivas ofertas
Sucursal de Abanca en Madrid. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sucursal de Abanca en Madrid. (Foto: Europa Press)

A batalla entre as entidades financeiras para a captación de novos clientes pola vía das contas remuneradas vai continuar até finais de ano. Nun momento tan axitado para o sector polas operacións corporativas e polo lanzamento de novos produtos, como as contas dixitais sen comisións, unha das ofertas máis agresivas é o pago en efectivo para novos clientes que domicilien a nómina ou a pensión. O éxito desta proposta pódese comprobar na decisión de entidades como Cajamar ou Abanca de prorrogala até o 31 de decembro, na liña doutros grupos bancarios como Santander ou Unicaja, malia que a súa intención inicial era dala por rematada o 30 de setembro. 

Abanca é a entidade que ofrece o pago en efectivo máis xeneroso do mercado, pero só para os seus clientes madrileños. Así, aos residentes en Madrid dispostos a domiciliar ingresos na entidade de cando menos 600 euros ao mes ofrécelles 300 euros nun pago único.

Pola contra, as persoas doutras partes do Estado que se sumen á oferta, ligando a súa nómina ou pensión a Abanca, só van recibir 150 euros. Asemade, a entidade obriga a un tempo mínimo de permanencia de 24 meses, unha duración semellante á recollida nos seus paquetes análogos por Unicaja ou BBVA.

Abanca, caso único no Estado

A entidade presidida por Juan Carlos Escotet é o único banco do Estado que fixa retribucións diferentes en función do territorio de residencia dos clientes. Por exemplo, o grupo cooperativo Cajamar retribúe con 200 euros aquelas persoas que domicilien un ingreso de máis de 1.200 euros durante 36 meses. Outro tanto acontece con Unicaja, que estabelece un pago único de 150 euros para os novos clientes que pasen ao banco durante 24 meses o pago da nómina ou da pensión. Santander e BBVA tamén actúan neste segmento das ofertas, fixando unhas condicións idénticas para o conxunto do Estado.

A decisión de Abanca enténdese na perspectiva de querer gañar cota de mercado en Madrid. A presenza deste grupo bancario na capital do Estado é moi cativa, malia as recentes operacións corporativas que lle teñen permitido gañar terreo nos últimos meses. Directivos da entidade consultados por Nós Diario sinalan que “en Madrid temos moita marxe de mellora porque o mercado non está tan concentrado e a fidelidade dos clientes á entidade é moito menor que noutros territorios, como Galiza”. Neste sentido, agardan novas posibilidades de negocio tras a fusión de Bankia con Caixabank, “que pode posibilitar a fuga de clientes a outros bancos”, e lembran que “en Madrid reside un número moi importante de galegos”.

A proposta adianta novas vías de expansión para a entidade. Neste sentido, a oferta semella contraditoria co manifestado recentemente por fontes do grupo a Nós Diario, cando afirmaban que “a nosa estratexia de crecemento céntrase na área cantábrica e portuguesa, ese é o mercado que nos interesa e pensamos que temos posibilidades de concretar algunha operación”.

Na mesma liña, cuestiona as palabras doutros directivos do grupo que destacaban que “a base do éxito do noso modelo de negocio está na ligazón co territorio e na percepción que ten a xente de Abanca como un grupo financeiro de aquí”.

Un síntoma dun proceso de fondo

A decisión de Abanca de retribuír de diferente maneira a domiciliación de ingresos na Galiza que en Madrid é un síntoma dun proceso de fondo. A mesma prodúcese nun contexto de exclusión financeira no país, que ten perdido na última década 51,52% das sucursais bancarias. Tanto é así que 34 concellos galegos non dispoñen de ningunha oficina bancaria e outros 114 só contan cunha sucursal, sendo algúns destes últimos onde se preparan novos fechamentos.

Por outra banda, concrétase nun marco de forte concentración financeira na Galiza, onde só catro entidades concentran máis de 90% do negocio bancario, destacando Abanca con 42,3% dos depósitos e 34,4% dos créditos, Santander con 28,9%, após a absorción do Pastor e situándose a continuación, pero xa a moita distancia, BBVA con 12% e a entidade resultante da fusión de Bankia e Caixabank con perto de 11%. 

Comentarios