O Colexio de Arquitectos da Galiza presenta alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental do proxecto de Altri

O organismo profesional demanda outras alternativas e o consenso entre as partes.
Celbi é unha fábrica de fibras de celulosa a partir de eucalipto pertencente a Altri e que se sitúa na localidade de Figueira de Foz, en Portugal (Foto: Altri).
photo_camera Celbi é unha fábrica de fibras de celulosa a partir de eucalipto pertencente a Altri e que se sitúa na localidade de Figueira de Foz, en Portugal (Foto: Altri).

O Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG) vén de presentar un documento de alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental do proxecto industrial que a firma Greenfiber (Altri e Greenalia) ten intención de instalar no municipio de Palas de Rei (A Ulloa), desde a súa responsabilidade como axente fundamental na definición das directrices de ordenamento urbanístico e territorial da Galiza. "Esencialmente, reclamamos máis información acerca dunha iniciativa que, entendemos, non se acomoda ao modelo de desenvolvemento territorial que a Galiza precisa e que, desde o COAG, vimos defendendo nos 50 anos da nosa historia", salienta o organismo.

"Cremos que o modelo de desenvolvemento industrial da Galiza tense que facer con criterios de sustentabilidade, defensa do medio ambiente e integración dos proxectos económico e empresariais no conxunto dos valores e tradicións sociais, culturais, paisaxísticas e etnográficas dun territorio. Entendemos que a industrialización do século XXI ten que apostar pola evolución do territorio e non por unha alteración radical con criterios propios do século pasado", engade o colexio.

"O noso texto de alegacións quere ser, coma sempre, rigoroso e construtivo. Rigoroso nas argumentacións e construtivo no sentido de poder estudar outras alternativas e, mesmo, volver ás propostas iniciais e buscar unha resposta consensuada", destaca o COAG.

"Desde ese punto de vista, e de modo sintético, entendemos que o proxecto de Greenfiber, pola información dispoñíbel até o de agora, sementa moitas dúbidas acerca do seu cumprimento coas propias directrices autonómicas de Ordenación do Territorio, en especial pola ausencia de indicadores esenciais", acrecenta o colectivo.

"Do mesmo modo, o novo proxecto industrial parece entrar en contradicións consigo mesmo acerca dos seus supostos beneficios. En contra do que se ten dito, o proxecto aposta por unha industria de primeira transformación (elaboración de pasta de celulosa) e non avanza na circularidade nin completa o ciclo da madeira con criterios de sustentabilidade, o que aportaría un maior valor engadido", sinala

"Insistir en proxectos forestais que requiren unha especie de alto consumo de auga, xunto coas elevadas necesidades hídricas expostas pola empresa como imprescindíbeis para o seu funcionamento, comprometen a aposta galega polo ciclo integral da auga", afirma o colexio.

"Finalmente, como arquitectos e urbanistas non podemos entender que se estea a falar dun proxecto industrial na primeira liña do Camiño de Santiago sen ter obtido previamente o impacto do mesmo na consideración desta Ruta como Patrimonio da Humanidade. A Galiza non pode actuar na maior ruta cultural de Europa, e unha das máis importantes do mundo, sen informar e obter a opinión das instancias culturais, galegas e internacionais, que actúan sobre un patrimonio e que, na medida que é mundial, xa non é só noso", destaca a organización.

"Entendemos que a Galiza conta con solo industrial de calidade, baleiro ou en transformación, susceptíbel de acoller proxectos empresariais coma este. E non poderíamos compartir unha estratexia de ordenamento do territorio na que, por unha parte, se constrúen polígonos industriais que quedan sen uso e, por outra, se destrúe a paisaxe rural para albergar instalacións fabrís. Se isto é así é que algo falla na planificación", alerta o COAG.

"Como criterio xeral, entendemos que os proxectos de interese estratéxico (PIE), pola súa propia definición, téñense que desenvolver de modo alleo a calquera condicionante circunstancial, como optar a determinados fondos europeos. O verdadeiramente importante non se pode despachar con criterios de urxencia. E se os fondos que captamos os empregamos para construír proxectos erróneos, en lugar de investir estaremos xerando no futuro gastos insospeitados e consecuencias desafortunadas", incide o órgano profesional.

"Desde o COAG vimos apostando historicamente polo desenvolvemento da Galiza. Con achegas que seguen un fío común: o diálogo, a posta en valor permanente do noso territorio, da nosa paisaxe e da nosa historia, e o convencemento de que o futuro ten que ser sostíbel, integrado e baseado na evolución harmónica do que sempre fomos. Nesa liña traballamos e traballaremos sempre, aportando unha mirada rigorosa, baseada nos fundamentos da nosa disciplina e apostando, en primeiro lugar, polo servizo á sociedade galega", conclúe o comunicado do Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza.

Comentarios