A instalación de Altri en Palas de Rei facilita un cártel no sector forestal

De ir adiante o Proxecto Gama para a construción dunha macrocelulosa na Ulloa, a industria forestal ficaría repartida entre Ence, The Navigator Company, Altri, Celbi, Greenalia e Finsa. Que intención, económica e política hai detrás de Gama e como afectaría ao sector forestal? 
O predio de Quintas (Palas de Rei, A Ulloa) no que Altri proxecta a macrocelulosa. (Foto: Juan Mañá)
photo_camera O predio de Quintas (Palas de Rei, A Ulloa) no que Altri proxecta a macrocelulosa. (Foto: Juan Mañá)

O sistema no que funcionou tradicionalmente o sector da celulosa no mercado da madeira na Galiza foi o propio dun modelo de competencia imperfecta clásico, operado case sempre en réxime de monopolio. 

Ence, primeiro directamente e despois por medio da súa filial Norfor, copaba a maior parte da produción de madeira de eucalipto, cunha parte anecdótica reservada para taboleiro de fibra (Finsa) ou para a pequena industria de aserrado (esta última, por outra parte, tamén participada ou enteiramente en mans de Ence).

A incidencia de Ceasa foi reducida na galiza até a compra desta por Ence

A incidencia de Ceasa (Celulosas de Asturias S.A., Navia, Asturias) ou de Sniace (Torrelavega, Cantabria) foi moi reducida ou inexistente no nordeste do país, até a compra de Ceasa por Ence, que optou nese momento por incrementar a capacidade produtiva da planta de Navia e iniciar a súa expansión, provocando a eucaliptización do occidente asturiano e do norte da Galiza. 

Posteriormente, a entrada de operadores e intermediarios que venden madeira a celulosas de Portugal e o desembarco de Navigator como propietario de montes ou como impulsora de consorcios, dá lugar a un escenario máis próximo ao oligopolio.

Demanda de eucalipto

De ir adiante o proxecto de Altri, que no medio prazo situaría a súa demanda de madeira de Eucalyptus globulus e Eucalytus nitens en máis de un millón de toneladas anuais, teríamos o seguinte panorama no sector. En canto aos produtores de madeira de eucalipto, un numeroso e atomizado colectivo de persoas propietarias de montes, algúns agrupados en asociacións de certa capacidade de actuación. Unha superficie significativa de montes veciñais en man común con plans de ordenación forestal aprobados, unha considerábel superficie de montes veciñais carente de xestión e unha crecente superficie forestal propiedade da industria da celulosa ou sometida a convenios subscritos directamente con empresas forestais ou coa mencionada industria.

Reparto do mercado

En canto a esta industria forestal, ficaría repartida entre Ence, The Navigator Compay, Altri, Celbi, Greenalia e Finsa. Ence situaríase con plantas de celulosa en Navia e Lourizán, en Pontevedra, e posibelmente unha planta de reciclaxe de papel e cartón nas Pontes (Eume). A portuguesa The Navigator Company, con plan de xestión forestal propio, abrangue, por agora, máis de 1.500 hectáreas. Altri, con planta de celulosa solúbel, sen descartar unidade de celulosa BEKP (Bleached Eucalyptus Kraft Pulp, a que fabrica Ence e as celulosas lusas todas), en Palas de Rei (A Ulloa). Celbi, propiedade de Altri, como potencial beneficiaria de operacións e acordos silvícolas de Altri. Greenalia, que opera no ramo da biomasa pero que podería xestionar directamente superficie forestal e cortar en quendas de 5-7 anos. E, finalmente, Finsa, cunha unidade en Compostela de produción de taboleiro de fibra de eucalipto. 

Isto define un escenario oligopolista máis agudizado onde, seguindo o modelo de competencia imperfecta, caben dúas alternativas: competencia pola materia prima, coa conseguinte escalada de prezos, afectando o mantra estrutural das celulosas do abaratamento de custos no proceso industrial; ou cooperación, "cartelización" do sector e reparto de cotas de produción da materia prima, con toda seguridade atendendo a criterios xeográficos. A primeira posibilidade só lle interesaría a pequenos propietarios e ao conxunto de montes veciñais. Ningún dos axentes da industria forestal involucrados estaría interesado en ir cara a un modelo onde a competencia marcase a dinámica do mercado: alza de prezos, desaceleración das cortas, redución de volume anual de materia prima dispoñíbel, encarecemento do proceso produtivo e, finalmente, falta de competitividade no mercado internacional da pasta de celulosa. Parece máis probábel un escenario cooperativo, coa práctica máis próxima ao funcionamento dun cártel. Cada industria desenvolverá ou promoverá a mellora e incremento produtivos na súa área de influencia, o que repercutirá na maior seguridade e estabilidade do sistema.

A cooperación levará inevitabelmente ao incremento do volume anual de cortas, que, sen aumentar a superficie produtiva, pasaría por impulsar a sinatura de máis convenios con xuntas de montes ou a adquisición directa de terras. Incrementando a superficie produtiva implicaría o abandono de terras agrarias e a mobilización produtiva de montes rasos. Ambas as dúas exixen indubidabelmente o fin da denominada “moratoria do eucalipto”.

Coa pasteira da Ulloa, as sociedades forestais opacas terían máis peso

A Xunta fala do carácter “tractor” e, por tanto, “estratéxico” deste proxecto, que mobilizaría case 800 millóns de euros de fondos europeos. Cara a onde "tracciona" a iniciativa? Por un lado, perda de soberanía e capacidade de decisión coa sinatura de convenios ou a venda de terras. Por outro lado, impulso dunha dinámica de mercado con capacidade para impor a inercia da transformación da Galiza cara a un inmenso eucaliptal. E por último, un escenario onde adquirirían máis peso as sociedades forestais opacas, que actuarían impulsando a concentración da propiedade e, por mediación da Consellaría de Medio Rural, impondo convenios con xuntas de montes veciñais debilitadas. 

Nese contexto, o reforzamento da especulación está servida e os investidores estarían dispostos a participar, como aconteceu nos últimos lustros, nos que non se descarta a integración das máis altas instancias políticas do goberno autonómico.

Comentarios