O Congreso aproba os decretos 'anticrise' e 'ómnibus' e tomba o de Traballo

O voto en contra de Podemos tomba do decreto de Yolanda Díaz.
O texto da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, non prosperou. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O texto da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, non prosperou. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Congreso das Deputadas e dos Deputados aprobou esta cuarta feira nun Pleno extraordinario o Real Decreto-lei de medidas para facer fronte aos efectos da inflación, a crise enerxética e a guerra de Ucraína, que pon en xogo uns 2.500 millóns de euros só en rebaixa fiscais.

A medida do Goberno de Pedro Sánchez contou con 172 votos a favor de PSOE, Sumar, ERC, PNV, Bildu, Podemos, BNG e Coalición Canaria. En contra votaron PP, Vox e UPN, mentres que Junts abstívose, a pesar de asegurar no decorrer do debate a súa portavoz, Míriam Nogueras, un voto en contra dos de Carles Puigdemont.  

Ao inicio da xornada, o Goberno español non contaba coa garantía do respaldo dunha maioría simple necesaria para a ratificación dunha norma que inclúe a prórroga da rebaixa do IVE a alimentos básicos, a gratuidade dos trens de proximidade –inexistentes na Galiza, mais cos rexionais e os media distancia tamén de balde–, a rebaixa do 50% no transporte autonómico ou a extensión dos impostos temporais á banca, enerxéticas e grandes fortunas. 

De feito, a votación do decreto anticrise tivo que repetirse porque primeiro produciuse un empate a 171 votos debido a que o deputado de Sumar Gerardo Pisarello non ratificara o seu voto telemático.  

'Ómnibus' e emprego

O Congreso tamén aprobou onte o decreto 'ómnibus' relativo ás medidas sobre xustiza e Función Pública coa abstención dos deputados e deputadas de Junts. Pero non correu a mesma sorte o decreto lei que recollía a reforma do subsidio de desemprego e que presentara a vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

O voto en contra de Podemos inclinou a balanza cara ao "non". Con todo, a medida non entraba en vigor até o 1 de xuño polo que a non convalidación non afecta de inmediato as persoas beneficiarias do sistema.

Comentarios