A frota reclama que a UE impoña criterios ambientais nas importacións de peixe

As exencións arancelarias a produtos estranxeiros subiron máis de 1.900%.
Unha muller compra peixe nun estabelecemento da praza de Lugo, na cidade da Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Unha muller compra peixe nun estabelecemento da praza de Lugo, na cidade da Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O sector pesqueiro da Unión Europea (UE), representado por Europêche, colectivo do que forman parte varias organizacións da frota galega, solicitou á Comisión Europea que só conceda exencións de dereitos arancelarios a produtos pesqueiros importados que cumpran os mesmos criterios de sostibilidade exixidos aos capturados polos barcos comunitarios, segundo informou esta sexta feira nun comunicado.

En concreto, a frota da UE alertou da "incoherencia política", contraria aos intereses da frota comunitaria, que suporía que Bruxelas ignorase o principio de sostibilidade na súa próxima proposta de Regulamento para estabelecer continxentes arancelarios autónomos (ATQ) para determinados produtos pesqueiros para os anos 2024 e 2025.

Europêche lembrou que non se opón a unha exención arancelaria racional para determinados produtos pesqueiros que non se producen en cantidade suficiente na UE. Con todo, denuncia que a única motivación que subxace, en moitos casos, ao uso do sistema ATQ é baixar os prezos, recompensando prácticas insostíbeis e dando lugar a competencia desleal, ao non ter en conta a orixe dos produtos, o seu método de produción, a sostibilidade das poboacións que son capturadas ou o cumprimento das normas laborais.

O Regulamento sobre os continxentes arancelarios autónomos refírese a especies como o atún, a pescada, o abadexo, o bacallau ou os peixes planos. Neste sentido, o sector alertou sobre o incremento de 1.928% no volume de toneladas importadas con arancel reducido entre 1992 e 2020 (pasando de seis especies que representaban 43.000 toneladas a máis de 15 especies e 830.000 toneladas).

"Non podemos aceptar que a UE defenda produtos de orixe e condicións de pesca dubidosas mentres o noso sector loita por adaptarse rapidamente a unhas normas de sostibilidade cada vez máis estritas", dixo o presidente de Europêche, Javier Garat.

Segundo a organización, numerosas políticas pesqueiras e ambientais recentes de Bruxelas baséanse na necesidade urxente de atallar o cambio climático e o declive da biodiversidade. Con todo, denuncia que esa urxencia non é aplicada ao sistema ATQ.

"É chocante que mentres a frota da UE se está decimando debido a factores xeopolíticos e ás políticas da UE, os volumes de ATQ non paran de crecer. Preguntámonos se a idea é substituír a produción da UE por importacións de Estados afastados das normas de sostibilidade da UE", cuestionou Garat.

Desta forma, o sector lembrou que os acordos comerciais exixen o cumprimento de certos estándares de sostibilidade para autorizar as reducións arancelarias. Con todo denuncian, o sistema ATQ permite importar unha cantidade notábel de peixe con arancel cero desde Estados con prácticas de pesca ilegal e abusos laborais, como os lombos de atún de Tailandia e da China.

Fronte a esta circunstancia, a frota da UE recoñeceu que se ve obrigada a baixar os prezos e buscar mercados alternativos. Así, o sector pesqueiro instou Bruxelas a que use o sistema ATQ para contrarrestar prácticas insostíbeis e irresponsábeis no Atlántico como é o caso da sobrepesca de xarda por parte de Noruega e das Illas Feroe.

A Comisión dá por descontada a saída das augas marroquís

A Comisión Europea deu esta sexta feira por descontado que a frota da Unión Europea (UE) que faena nos caladoiros marroquís, na súa maioría galega, andaluza e canaria, deberá abandonar as augas alauís desde a medianoite da segunda feira, 17 de xullo, data na que expira o protocolo do acordo pesqueiro entre a UE e Marrocos, á espera de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) se pronuncie sobre a súa legalidade. Bruxelas advertiu de que as axudas pola paralización da actividade finalizarán a finais de 2023.

O actual acordo entre a UE e Marrocos entrou en vigor o xullo de 2019, o que permitiu renovar a actividade da frota da UE, que levaba suspendida desde xullo de 2018. Porén, en novembro de 2021, o Tribunal Xeral da UE anulou a decisión do Consello Europeo, o que imposibilita a renovación do tratado nos termos actuais.

Comentarios