A frota galega deberá abandonar os caladoiros marroquís na medianoite da segunda feira, 17 de xullo

Bruxelas advirte que as axudas pola paralización da actividade finalizarán a finais de 2023

O 91% das capturas do acordo sitúanse no Sáhara Occidental. (Foto: Cepesca)
photo_camera O 91% das capturas do acordo sitúanse no Sáhara Occidental. (Foto: Cepesca)

A Comisión Europea dá por feito que a frota europea que faena nos caladoiros marroquís, na súa maioría do Estado español, deberá abandonar as augas desde a medianoite da segunda feira 17 de xullo, data na que expira o protocolo do acordo pesqueiro entre a UE e Marrocos, á espera de que a xustiza europea se pronuncie sobre a súa legalidade; e advertiu de que as axudas pola paralización da actividade finalizarán a finais de 2023.

O actual acordo entre a UE e o Reino de Marrocos entrou en vigor o pasado 18 de xullo de 2019, o que permitiu renovar a actividade da frota comunitaria, que levaba suspendida desde o 14 de xullo de 2018.

En novembro de 2021, o Tribunal Xeral da UE anulou a decisión do Consello pola que se aprobaba o acordo pesqueiro entre a UE e Marrocos e o seu protocolo, aínda que preservou os seus efectos até que o TXUE se pronuncie sobre os recursos que o tanto o Consello como a Comisión interpuxeron contra a sentenza.

Agora, á espera dunha decisión do TXUE que non esta prevista até principios de 2024, a aplicación do protocolo actual pode continuar até o final da súa aplicación, que expira a vindeira segunda feira, polo que, a falta dun novo acordo, pendente da sentenza, provocará a suspensión da actividade da frota durante algúns meses.

Esta suspensión afectará especialmente o Estado español, xa que 92 das 138 licenzas que faenan na zona corresponden ao seu pavillón, en concreto, á frotas galega, andaluza e canaria.

Seis meses de axuda

Fontes comunitarias explicaron á axencia Europa Press que o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) pode conceder unha compensación financeira a armadoras e tripulantes pola paralización temporal das actividades pesqueiras derivada da non renovación dun acordo de pesca ou do seu protocolo, aínda que estas só son subvencionábeis até finais de 2023, xa que non se contemplan no marco do seu sucesor, o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).

Ademais, o secretario xeral de Cepesca, Javier Garat, aclarou que segundo o regulamento que establece o FEMP, a frota "só pode recibir un máximo 6 meses de axuda", o que expón un "problema", especialmente para a frota andaluza, que xa esgotou ese período por paralizacións previas e que reclama ao Goberno do Estado español un financiamento estatal para os barcos que xa non poidan recibir eses subsidios comunitarios.

A Comisión xa confirmou que actualmente non existen negociacións entre a UE e Marrocos para prorrogar o acordo pesqueiro, aínda que autoridades de ambos os socios internacionais reuníronse o 10 de xullo en Bruxelas para "lembrar a importancia das súas relacións en materia de pesca".

Con todo fontes comunitarias afirman que a UE non fecha a porta para reabrilas de cara ao futuro, e que, xunto os seus socios marroquís "reflexionará e avaliará" unha posíbel renovación do protocolo de pesca tendo en conta as circunstancias actuais, as "limitacións" e os parámetros tanto económicos como ambientais.

Ao final deste proceso, advirten desde Bruxelas, calquera decisión futura tomarase conxuntamente coas autoridades marroquís no interese compartido de ambas as partes.

Comentarios